Cervo entrega os premios do certame fotográfico “Cervo Respecta” para recoñecer o compromiso ambiental

AMariñaXa
A XVI edición do concurso recibiu un total de 37 fotografías e premiou imaxes que poñen en valor a paisaxe e o patrimonio natural do municipio
entrega-premios-cervo-respecta
14 Jul 2026

O Concello de Cervo entregou este martes os premios da XVI edición do certame fotográfico “Cervo Respecta”, unha iniciativa impulsada con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente co obxectivo de fomentar a sensibilización ambiental e destacar a riqueza paisaxística e natural do municipio a través da fotografía.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, foron as encargadas de entregar os recoñecementos ás persoas premiadas, que consistiron en figuras de cerámica de Sargadelos.

O recoñecemento Top Cervo foi para a fotografía “Solpor”, de Raquel López Blanco, ao ser a imaxe mellor valorada polo xurado entre aquelas nas que aparece algún lugar pertencente ao Concello de Cervo.

O primeiro premio do certame recaeu na fotografía “Atrapeite..., ou non”, de Carlos Sanjurjo Lastra, mentres que o segundo premio foi para “Picudo Rojo”, de Germán Paleo Navarro.

Nesta edición tamén se concedeu unha mención especial á asociación Saúde Mental A Mariña, polo seu compromiso coa protección do medio ambiente e pola súa participación nas actividades promovidas desde a administración local.

A alcaldesa felicitou ás persoas premiadas e agradeceu a participación de todas as persoas que presentaron os seus traballos, un total de 37 fotografías.

“Este certame demostra que contamos cun patrimonio natural excepcional e cunha veciñanza que sabe observalo, valoralo e transmitilo a través da fotografía. Cada imaxe é unha invitación a coidar o noso entorno e a seguir apostando pola conservación do medio ambiente”, destacou Dolores García Caramés.

A rexedora incidiu tamén na importancia de manter este tipo de iniciativas e salientou que “Cervo Respecta é xa un certame consolidado que nos permite unir arte e sensibilización ambiental. A través destas fotografías conseguimos que moitas persoas descubran a beleza da nosa contorna, e reflexionen sobre a necesidade de protexela para as xeracións futuras”.

Desde o Concello de Cervo agradeceron a implicación das persoas participantes e animaron á veciñanza a continuar colaborando nas distintas actividades de educación e sensibilización ambiental que se desenvolven ao longo do ano.

0.12177395820618