Cervo elimina a taxa de recollida de enseres e reforza a súa aposta pola sustentabilidade

O Concello de Cervo vén de dar un novo paso nas súas políticas ambientais coa posta en marcha dunha medida que busca facilitar a correcta xestión dos residuos e fomentar a concienciación ecolóxica entre a cidadanía. Desde este mes de xuño, o servizo municipal de recollida de enseres a domicilio será totalmente gratuíto para toda a veciñanza.
A iniciativa supón a supresión da taxa que ata agora se aplicaba por este servizo e ten como finalidade promover a retirada adecuada de residuos voluminosos como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outros obxectos domésticos, contribuíndo así a manter os espazos públicos en mellor estado e a reducir o risco de verteduras ilegais.
Co obxectivo de dar a coñecer esta novidade e implicar ao tecido asociativo na súa difusión, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, remitiu unha carta ás asociacións veciñais e de montes do municipio na que explica o alcance da medida e o seu encaixe dentro das políticas ambientais impulsadas polo goberno local.
Segundo destacou a rexedora, “esta decisión vai máis alá da eliminación dunha taxa, é tamén unha ferramenta de sensibilización ambiental coa que queremos reforzar a conciencia ecolóxica e fomentar unha correcta xestión dos residuos voluminosos”.
García Caramés subliñou ademais que a gratuidade do servizo “busca ser un incentivo para avanzar cara a un concello máis limpo, ordenado e respectuoso co medio ambiente”, lembrando que “a protección da contorna é unha responsabilidade compartida na que cada xesto conta”.
Esta medida enmárcase nunha estratexia máis ampla de sustentabilidade que o Concello de Cervo mantén desde hai anos, con actuacións como a promoción da recollida selectiva e da reciclaxe, o impulso da compostaxe doméstica, campañas de educación ambiental, a posta en marcha do punto limpo móbil ou a iniciativa “Coida Cervo”.
A alcaldesa tamén aproveitou a comunicación enviada ás entidades sociais para agradecer o seu papel na difusión destes valores. “O labor das asociacións é fundamental para construír un Cervo máis comprometido coa súa contorna e coa calidade de vida da veciñanza”, sinalou.
Desde o Concello lembran que o servizo de recollida de enseres seguirá realizándose a domicilio previa solicitude na Casa do Concello ou na Casa da Cultura, en xoves alternos ao mes, pero a partir de agora sen ningún custo para os usuarios, co fin de facilitar o acceso e avanzar nun modelo de xestión de residuos máis eficiente e sostible.