Cervo convoca a XVI edición do concurso fotográfico “Cervo Respecta” para promover o coidado do medio ambiente

O Concello de Cervo, a través da súa delegación de Medio Ambiente, vén de anunciar a convocatoria da XVI edición do concurso fotográfico “Cervo Respecta 2026”, unha iniciativa que busca fomentar a sensibilización ambiental a través da imaxe e poñer en valor a riqueza natural do territorio.
O certame está aberto a todas aquelas persoas afeccionadas á fotografía que desexen participar con instantáneas centradas na temática do medio ambiente. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas imaxes, que deberán ser inéditas e orixinais, captadas en calquera punto da Comunidade Autónoma de Galicia e enfocadas na natureza viva como exemplo de conservación e respecto polo entorno.
As fotografías deberán enviarse en formato dixital, concretamente en JPEG, cunha resolución mínima de 2.048 píxeles e en alta calidade, sen limitación de tamaño en megabytes. A entrega realizarase a través do correo electrónico habilitado polo Concello, e o prazo de presentación permanecerá aberto ata o 22 de maio.
O concurso contará con tres galardóns: un primeiro e un segundo premio, ademais do recoñecemento especial “Top Cervo”, destinado á mellor fotografía que identifique de forma clara algún espazo do municipio. Todos os premios estarán dotados con pezas de cerámica de Sargadelos.
O fallo do xurado, integrado por tres persoas expertas na materia, darase a coñecer o 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.
A presentación desta nova edición correu a cargo da alcaldesa, Dolores García Caramés, e da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, que destacaron o valor desta proposta como ferramenta de concienciación. Segundo sinalaron, trátase dun “convite á reflexión” que anima á cidadanía a captar imaxes que transmitan tanto a beleza como os retos do medio natural.
Desde o Concello subliñan que esta iniciativa, consolidada ao longo dos anos, permite tamén descubrir novos espazos e perspectivas a través da mirada das persoas participantes, ao tempo que reforza o compromiso colectivo coa protección do medio ambiente.