Cervo convértese de novo na sede da pretempada do Club Natación PortaMiñá de Lugo

O Concello de Cervo volve ser este ano punto de encontro para o deporte acuático coa celebración da pretempada do Club Natación PortaMiñá de Lugo, que elixiu as instalacións cervenses para ultimar a posta a punto do seu equipo antes do arranque oficial da tempada.
A preparación ten como epicentro a piscina de Río Cobo e o complexo deportivo da Veiga, cedidos polo Concello co obxectivo de facilitar un espazo axeitado para o adestramento dos nadadores. A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, achegáronse ata as instalacións para saudar á expedición lucense e desexarlle unha boa estadía.
A rexedora subliñou que “é un orgullo que clubs de referencia como o PortaMiñá aposten por Cervo ano tras ano para preparar as súas competicións”. Pola súa banda, o concelleiro lembrou que a prioridade do goberno local é dinamizar as instalacións deportivas e apoiar o deporte de base, “tanto coa organización de cursos e actividades propias, como coa colaboración con entidades que deciden escoller o noso concello para a súa preparación”.
Dende o Concello agradecen ao club lucense a confianza depositada en Cervo e expresan o desexo de que a expedición desfrutase tamén do ambiente e das rúas de San Ciprián. Ademais, trasladaron os mellores parabéns ao equipo de cara á nova tempada.