Cervo contará por primeira vez cunha escola de música propia

Cervo ampliará a súa oferta educativa e cultural este curso coa posta en marcha da súa primeira escola de música. O novo proxecto, denominado DoReFaMiFaneca Escola de Música, nace da asociación do mesmo nome, recentemente constituída, e terá a súa sede no edificio municipal que anteriormente ocupaba o FOREM, situado fronte á Casa do Concello.
A iniciativa está impulsada por Chus, profesora de canto, e Xacobe, especializado en instrumentos de corda, que decidiron unir a súa experiencia e coñecementos para achegar a formación musical á veciñanza. O Concello colaborará coa nova escola mediante a cesión do inmoble no que se desenvolverán as clases.
A chegada de DoReFaMiFaneca permitirá cubrir unha carencia no municipio, que ata o momento non dispoñía dunha escola de música propia. Deste xeito, as persoas interesadas poderán formarse sen necesidade de desprazarse a outras localidades.
FORMACIÓN PARA TODAS AS IDADES
A escola estará aberta tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e ofrecerá clases personalizadas segundo a idade, o nivel e as necesidades do alumnado, desde persoas que se acheguen por primeira vez á música ata aquelas que queiran continuar avanzando na súa formación.
O proxecto aposta por unha aprendizaxe acompañada por profesorado especializado na que a creatividade e o goce da música teñan un papel fundamental. Entre os seus obxectivos está proporcionar un espazo no que aprender, experimentar e desenvolver as capacidades artísticas de cada persoa.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, celebrou a posta en marcha da iniciativa. "Estamos moi satisfeitos de que Cervo conte por fin cunha escola de música propia. Era unha necesidade que existía e consideramos que esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para achegar a formación musical á nosa veciñanza", sinalou.
A rexedora tamén destacou a colaboración entre a Administración local e unha iniciativa nacida da propia veciñanza e agradeceu a Chus e Xacobe que apostasen por desenvolver o proxecto no municipio. Ademais, valorou a recuperación para novos usos do antigo edificio do FOREM, ao considerar positivo que os inmobles municipais poidan acoller propostas educativas e culturais.
"A música ten unha enorme capacidade para educar, para fomentar a creatividade e tamén para crear comunidade", apuntou García Caramés, quen incidiu na oportunidade que supón que tanto a infancia como persoas de calquera idade poidan acceder a esta formación no propio municipio.
XORNADAS INFORMATIVAS
Antes da posta en marcha da actividade, DoReFaMiFaneca organizará varias xornadas para explicar a súa oferta formativa e resolver as dúbidas das persoas interesadas. Na Casa da Cultura de San Cibrao estará os luns 14 e 21 de setembro, de 17.00 a 19.00 horas, mentres que na Casa do Concello de Cervo atenderá os martes 15 e 22, no mesmo horario.
Tamén se pode solicitar información nos teléfonos 608 841 347 (Chus) e 646 711 761 (Xacobe), a través do perfil de Instagram @dorefamifaneca ou no correo electrónico dorefamifaneca@gmail.com.