Cervo consolidará o festival "De Cobo a Xunco" cunha segunda edición durante todo o mes de setembro

O Concello de Cervo volverá apostar este setembro polo Festival de Narración Oral "De Cobo a Xunco", que celebrará a súa segunda edición tras a boa acollida acadada no seu debut. A iniciativa manterá o formato que caracterizou a primeira convocatoria, levando contos e historias a distintos puntos do municipio co obxectivo de achegar a cultura á veciñanza e reforzar o valor da tradición oral.
A programación desenvolverase ao longo dos venres de setembro en diferentes espazos e parroquias, cun calendario que combinará sesións dirixidas ao público infantil, denominadas regato, e propostas para persoas adultas, coñecidas como río. O festival concluirá cunha gala final que servirá de peche á edición deste ano.
Durante a presentación da iniciativa, a alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada por Carmen Conde e Diego Gallego, en representación de Tarabela Creativa, destacou a vontade do Concello de continuar impulsando unha proposta que permite descentralizar a oferta cultural e levala a todos os recunchos do municipio.
A rexedora incidiu en que o éxito da primeira edición confirmou o interese da cidadanía por este tipo de actividades, que, ademais de ofrecer alternativas culturais para todas as idades, favorecen a convivencia entre a veciñanza e contribúen a preservar unha das manifestacións máis representativas do patrimonio inmaterial galego.
García Caramés agradeceu tamén a implicación de Tarabela Creativa, promotora do proxecto, e avanzou que nas próximas semanas se dará a coñecer a programación completa, coa relación de narradores e narradoras participantes, así como os escenarios e horarios das distintas sesións.
O festival toma o seu nome dos ríos Cobo e Xunco, que atravesan o municipio de Cervo, converténdose nun símbolo da unión entre parroquias a través da palabra e da cultura. Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas visitantes a reservar os venres de setembro para participar nun evento que volverá combinar tradición, narración oral e identidade local.