Cervo conmemorará o 25N cunha vela polas vítimas, manifestos e teatro

AMariñaXa
A Casa do Mar acollerá o 25 de novembro actividades infantís, a iniciativa "Unha vela por ti", a lectura de manifestos e a representación de "Os soños de Adelina"
Cervo-25N-2026unha-vela-por-ti
23 Nov 2026

O Concello de Cervo prepara unha programación especial para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro 25 de novembro. A proposta reunirá actividades educativas, actos simbólicos e iniciativas culturais co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, visibilizar a violencia machista e reforzar o compromiso colectivo coa súa erradicación.

A organización conta coa participación da Asociación Mujeres en Igualdad de Cervo e da Asociación Saúde Mental A Mariña, ademais da colaboración das ANPAS dos centros educativos, que intervirán na lectura dos manifestos. A programación foi perfilada nun encontro no que participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada; a presidenta de Mujeres en Igualdad de Cervo, Adelina Fernández, e a directora técnica xeral de Saúde Mental A Mariña, María José Novoa.

Os actos desenvolveranse na Casa do Mar e comezarán ás 17.00 horas cunha serie de obradoiros infantís e actividades de manualidades destinados a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As propostas estarán relacionadas coa igualdade e a prevención da violencia de xénero, buscando transmitir estes valores ás novas xeracións mediante a participación e a creatividade.

Unha hora despois, ás 18.00 horas, terá lugar o acto central coa iniciativa simbólica "Unha vela por ti", concibida como unha homenaxe ás vítimas e un xesto de lembranza, acompañamento e esperanza. A continuación, ás 18.30 horas, procederase á lectura de manifestos para denunciar a violencia contra as mulleres e reclamar unha sociedade libre desta forma de violencia.

A programación continuará coa representación teatral de "Os soños de Adelina", a cargo do Grupo de Teatro A Mariña. A obra busca contribuír á sensibilización social e achegar esta realidade ao público a través da cultura e das artes escénicas.

A recadación obtida durante a xornada destinarase á Vivenda Tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental da Asociación Saúde Mental A Mariña, unha iniciativa que vincula a conmemoración coa colaboración e o apoio ás mulleres que precisan recursos específicos.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, reafirmou o compromiso municipal coa prevención e coa loita contra a violencia machista, sinalando que as vítimas deben ocupar un lugar central nas políticas e actuacións nesta materia. Tamén destacou que o 25N debe servir para lembrar, visibilizar e avanzar de maneira conxunta cara a un futuro libre de violencia.

Desde o Concello fan un chamamento á participación da veciñanza nos diferentes actos e á implicación social para acompañar as mulleres que sofren ou sufriron violencia e contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

0.15530204772949