Cervo Concilia pecha o verán tras reunir preto de 150 nenos e nenas

O programa municipal Cervo Concilia puxo este martes o punto final a unha nova edición despois de acompañar durante as vacacións de verán a preto de 150 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A iniciativa volveu ofrecer ás familias unha alternativa para facilitar a conciliación laboral e familiar ao mesmo tempo que as crianzas participaban en actividades educativas, deportivas e de lecer.
Entre as novidades deste ano destacou a incorporación de Cervo Madruga, un servizo de atención temperá que permitiu ampliar o horario para aquelas familias que o precisasen. Deste xeito, as crianzas podían incorporarse desde as 7.30 horas, antes do inicio da programación habitual.
Ao longo do verán desenvolvéronse propostas de diferentes ámbitos, con actividades como kaiak, ioga, manualidades, clases de inglés ou un obradoiro de lingua de signos, ademais doutras iniciativas pensadas para favorecer a aprendizaxe, a convivencia e o lecer saudable.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que Cervo Concilia é xa "unha iniciativa plenamente consolidada" e explicou que cada edición se busca incorporar novas experiencias. "Queremos que desfruten do verán, que aprendan e que leven consigo bos recordos destas semanas", sinalou.
A rexedora incidiu tamén na función conciliadora do programa, especialmente durante un período no que as vacacións escolares poden dificultar a organización das familias con responsabilidades laborais.
Nesta edición participaron 14 monitores e monitoras e 22 voluntarios e voluntarias. García Caramés agradeceu a súa dedicación e o traballo desenvolvido durante todo o programa, así como a confianza depositada novamente polas familias.
O goberno municipal avanza que continuará apostando por este tipo de iniciativas co obxectivo de ofrecer recursos de conciliación e, paralelamente, alternativas educativas e de lecer para a infancia.