Cervo combate a expansión da acacia negra e repoboa con árbores autóctonas dúas parcelas municipais

Dúas parcelas municipais situadas na subida á Senra, en Cervo, foron escenario dunha intervención destinada a frear a expansión da acacia negra e recuperar a vexetación autóctona. Os traballos desenvolvéronse no marco do Plan de Acción de Alcoa, impulsado pola Asociación de Montes A Bidueira, coa colaboración do Concello e de voluntarios da empresa.
Na actuación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez; integrantes da Asociación de Montes A Bidueira e voluntarios de Alcoa. A intervención combinou medidas para controlar a especie invasora coa plantación de árbores propias do territorio, como acivros, freixos e carballos.
Un dos principais traballos consistiu no desconchado da casca dos exemplares de acacia negra. Esta técnica permite danar unha franxa da cortiza do tronco para interromper o transporte de nutrientes e provocar a morte progresiva da árbore, co obxectivo de limitar a súa propagación.
A actuación busca conter a presenza desta especie nas dúas fincas municipais e facilitar que a vexetación autóctona recupere progresivamente o espazo. A acacia negra representa unha ameaza para a biodiversidade debido á súa capacidade de expansión e á competencia que establece coa flora propia da zona.
A iniciativa tamén pon o foco na colaboración entre a Administración local, as entidades vinculadas ao territorio e o voluntariado para conservar e mellorar o patrimonio natural. O Concello de Cervo agradeceu a participación de todas as persoas implicadas nunha intervención orientada á protección da biodiversidade e á creación dunha contorna máis sostible.