Cervo clausura a primeira edición de Arruguiñas, programa integral de envellecemento activo

AMariñaXa
Cervo clausura a primeira edición de Arruguiñas, un programa integral de envellecemento activo, que foi todo un éxito de participación nas diferentes actividades propostas.
programa_arruguiñas
programa_arruguiñas
11 Xul 2024

Cervo clausura a primeira edición de Arruguiñas, un programa integral de envellecemento activo, que foi todo un éxito de participación nas diferentes actividades propostas. Talleres de memoria, talleres terapéuticos, os programas Charlando, Móvete e Actívate e ata Guateques itinerantes polas diferentes parroquias para contribuír a dinamizar o día a día e fomentar a socialización da  veciñanza na etapa de madurez protagonizaron o programa

Máis de 100 persoas se beneficiaron desta “iniciativa transversal pensada para este nicho de poboación maior de 60 anos co obxectivo de contribuír a que se manteñan activos e activas social, físico e mentalmente”, apuntou a alcaldesa. Foi un programa que configuraron con moito mimo para poder ofrecerlle aos veciños e veciñas todas as ferramentas e os recursos posibles –engadiu- “para mellorar o seu desenvolvemento persoal durante esta etapa da vida, motivándoos a permanecer activos e recordándolle o papel fundamental que desempeñan no noso municipio”.

A alcaldesa quixo agradecer a implicación de todos os participantes, e tamén a colaboración dos diferentes colectivos, traballadores e persoas voluntarias, cuxo papel foi fundamental para que Arruguiñas funcionase así de ben. Saúde Mental A Mariña, Xubilados Terramar, Icía, e moitas máis persoas e asociacións veciñais que tamén foron fundamentais para poder levar os guateques itinerantes ás diferentes parroquias.

0.18695211410522