Cervo celebra o Samaín cunha fin de semana chea de tradición, música e diversión

O Concello de Cervo ten todo listo para vivir unha fin de semana máxica e chea de tradición coa celebración do Samaín e o outono. En colaboración con diversas asociacións locais, o municipio ofrecerá un amplo programa de propostas pensadas para todos os públicos, con obradoiros, espectáculos, música, contos e moito máis.
As actividades comezarán o venres 31 de outubro, cando as Escolas Vellas de Cervo se enchan de maxia coa Festa de Samaín, organizada pola Asociación Cultural Airiños do Xunco coa colaboración do Concello. A partir das 17:30 horas, haberá un obradoiro temático e a actuación infantil “Abracadaver”, un espectáculo pensado para os máis pequenos que mestura humor, fantasía e algunha que outra sorpresa arrepiante.
O sábado 1 de novembro, a celebración continuará coa dobre proposta do Finde Anfibio Terrorífico. Pola mañá, de 10:00 a 12:00 horas, a Casa da Cultura de Cervo acollerá un obradoiro infantil de Samaín, dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria, que poderán dar renda solta á súa imaxinación e gozar dunha xornada creativa e moi especial.
Xa pola tarde, o protagonismo trasladarase a San Román, onde a partir das 18:00 horas o Pavillón acollerá o 1º Magosto Musical, organizado polo grupo Fol do Raxal coa colaboración do Concello e da Comunidade de Montes de San Román de Vilaestrofe.
A cita contará coa música en directo dos grupos Foles de Viveiro, Dambara, Arume e Fol do Raxal, e estará acompañada de castañas de balde, bolos preñados, cantina e unha foliada libre ao remate, para que quen queira poida traer o seu instrumento e sumarse á festa. Un encontro que promete recuperar o espírito máis auténtico dos magostos populares, entre o arrecendo das castañas e o ritmo da música tradicional.
A programación culminará o domingo 2 de novembro, ás 12:30 horas, na Casa do Mar de San Ciprián, onde Marta Ortiz presentará o espectáculo “Contos, castañas e teas de araña”, unha proposta familiar que mestura narración oral, humor e tradición para poñer o broche final a unha fin de semana chea de historias, risas e sabor outonal.
Desde o Concello de Cervo, animan a toda a veciñanza e visitantes a participar destas actividades que unen a tradición galega co espírito máis festivo e creativo do Samaín. “Queremos que as familias saian, gocen e compartan momentos de diversión e cultura, recuperando o significado máis entrañable destas datas”, sinalan dende o goberno local.
A cita, que cada ano gaña máis seguidores, consolídase como un referente de celebración outonal na Mariña lucense, ofrecendo alternativas para todos os gustos e idades, e reforzando o compromiso de Cervo coa dinamización cultural e o asociacionismo local.