Cervo celebra o décimo aniversario da Foliada cunha xornada chea de música, tradición e artesanía

O Concello de Cervo prepárase para vivir unha edición moi especial da súa tradicional Foliada, que este 2026 cumpre dez anos consolidada como unha das citas culturais máis destacadas da Mariña. A celebración terá lugar o sábado 2 de maio na Praza do Souto, onde se desenvolverá unha programación variada que combina música, artesanía e actividades participativas.
A xornada arrancará pola mañá cun obradoiro de percusión miúda impartido por Ramón Dopico nas Escolas Vellas de Cervo, que dará paso á apertura da Feira de Artesanía e Alimentación. De xeito paralelo, organizarase un roteiro interpretativo centrado na flora do Camiño Real, unha proposta que permitirá coñecer o entorno natural do municipio.
Ao mediodía, a festa trasladarase ás rúas co tradicional pasabares, no que participarán agrupacións procedentes de distintos puntos da comarca. A continuación, celebrarase a sesión vermú amenizada polo grupo Mediarea, un dos momentos máis concorridos do día.
Pola tarde, o programa continuará cun obradoiro de baile foliadeiro a cargo de Xabi Iglesias, así como xogos tradicionais e animación musical pensados para o desfrute de toda a familia. Xa ás 18:30 horas terá lugar a gran foliada, un espazo aberto á participación de músicos e asistentes que se converte nun dos principais atractivos do evento.
A programación prolongarase ata a noite co concerto de Os Viqueiras, previsto para as 22:00 horas. Tras a actuación, a celebración continuará cunha foliada libre, queimada e o tradicional baile do farolillo, recuperando así unha antiga práctica festiva da contorna.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, animou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á vila para gozar dunha xornada na que a cultura popular é protagonista. Tamén destacou o labor das entidades organizadoras —A Morena, Fervenza de Sargadelos e Fol do Raxal— pola súa implicación ao longo destes anos, subliñando a importancia desta edición conmemorativa.
Con esta décima edición, a Foliada de Cervo reafírmase como un punto de encontro arredor da música e da tradición galega, consolidando o seu papel dentro do calendario festivo da comarca.