Cervo cede un espazo en Sargadelos aos Amigos do Camiño do Mar e achega 5.000 euros

AMariñaXa
A asociación terá a súa sede na Sala de Cultura Xosé Vizoso para impulsar a promoción da ruta xacobea, que este domingo celebrará a súa terceira etapa entre Cervo e Xove
cesión-local-asociación-camiño-do-mar-Cervo
22 Oct 2026

O Concello de Cervo reforza a súa colaboración coa Asociación Amigos do Camiño do Mar coa cesión dun espazo no edificio das Carboeiras, en Sargadelos, e unha achega económica de 5.000 euros. O obxectivo é apoiar o traballo da entidade na difusión desta ruta xacobea e na posta en valor dos recursos naturais, patrimoniais e culturais do territorio polo que discorre.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou as instalacións xunto ao presidente da asociación, Manuel Vicente. A nova sede estará situada na Sala de Cultura Xosé Vizoso, un espazo que seguirá acollendo tamén a programación cultural habitual, con exposicións, charlas e outras actividades, así como o proxecto de coworking Azul Cobalto.

Deste xeito, as instalacións combinarán a promoción do Camiño do Mar con iniciativas culturais e de emprendemento, nun modelo de uso compartido que busca favorecer a dinamización do municipio.

A colaboración dá continuidade ao traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos entre o Concello e a asociación para dar a coñecer o itinerario, impulsar o seu percorrido e destacar os atractivos das localidades polas que pasa.

García Caramés subliñou a importancia de facilitar á entidade un espazo de referencia desde o que organizar a súa actividade e manter o apoio económico municipal. A rexedora tamén destacou o interese crecente que esperta a ruta entre os peregrinos e as oportunidades que pode xerar para o turismo e a economía de Cervo e da comarca.

Así mesmo, recoñeceu o labor das persoas integrantes da asociación, que levan anos traballando para dar visibilidade ao itinerario e favorecer a súa consolidación como recurso turístico e cultural.

Terceira etapa entre Cervo e Xove este domingo

A colaboración terá unha nova expresión este domingo, 25 de outubro, coa celebración da terceira etapa do Camiño do Mar, que conectará os municipios de Cervo e Xove. A saída terá lugar na Sala de Cultura Xosé Vizoso, en Sargadelos, que funcionará como punto de encontro para esta xornada e como nova sede da asociación.

O Concello e a entidade tamén prevén colaborar na organización de actividades relacionadas coa ruta para achegala á veciñanza, fomentar a participación e divulgar as posibilidades que ofrece.

Con esta iniciativa, Cervo busca impulsar o Camiño do Mar e fortalecer o asociacionismo, ao tempo que promove novos espazos de colaboración vinculados á cultura, ao turismo e ao desenvolvemento económico local.

0.16971707344055