Cervo avanza na renovación urbana de San Cibrao coa reforma da Rúa do Farillón

O Concello de Cervo continúa a desenvolver a súa estratexia de mellora dos espazos públicos coa execución das obras de renovación da Rúa do Farillón, en San Cibrao. Trátase dunha intervención encamiñada a modernizar o núcleo urbano e a adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza, apostando por un modelo de vila máis accesible, segura e funcional.
A actuación responde a unha planificación municipal que prioriza aquelas infraestruturas que presentaban un maior desgaste polo paso do tempo. Con esta obra, o Goberno local dá resposta ás demandas veciñais e mellora as condicións dunha rúa de uso habitual tanto para peóns como para o tráfico rodado, cunha renovación integral dos pavimentos e unha reorganización do espazo público.
Os traballos inclúen a mellora das beirarrúas e da calzada, a actualización da sinalización viaria e do mobiliario urbano, así como intervencións nas redes de servizos, co obxectivo de garantir solucións duradeiras e reducir futuras incidencias. A obra permitirá tamén reforzar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade de persoas con dificultades de desprazamento.
A alcaldesa de Cervo visitou recentemente a zona acompañada polo concelleiro Adrián Arias e salientou que esta actuación “responde á filosofía do Concello de investir con responsabilidade os recursos públicos para mellorar os espazos comúns e facelos máis accesibles, seguros e pensados para as persoas”.
A rexedora incidiu ademais en que o Goberno local aposta por “un modelo de vila máis humana, moderna e sostible, no que as intervencións urbanas vaian máis alá do aspecto estético e resolvan necesidades estruturais que afectan á vida cotiá”. Neste sentido, explicou que o investimento na Rúa do Farillón, xunto con outras actuacións en San Cibrao, forma parte dunha planificación global orientada a avanzar de maneira progresiva na transformación do municipio, optimizando os recursos propios.
As obras en execución na Rúa do Farillón intégranse nun investimento total de 302.185 euros, financiado integramente con cargo ao remanente municipal, que inclúe tamén a renovación da Rúa Rosalía de Castro.