Cervo avanza na mellora do Camiño dos Feás con obras financiadas polo Plan Camiña Rural

AMariñaXa
O Concello executa un investimento de 22.320 euros para garantir un acceso máis seguro ás parcelas agrarias de San Román de Vilaestrofe
Cervo-camino-San-Roman-2025
21 Nov 2025

O Concello de Cervo está a desenvolver unha actuación de mellora no Camiño dos Feás, na parroquia de San Román de Vilaestrofe, unha intervención considerada estratéxica polo intenso uso que recibe tanto por parte da veciñanza como das explotacións agrarias da contorna. O investimento ascende a 22.320 euros, cofinanciados pola Xunta de Galicia a través dos fondos AGADER dentro do Plan Camiña Rural correspondente ao período 2025-2026.

Trátase dunha vía esencial para o acceso a numerosas parcelas e para o tránsito diario de maquinaria agrícola, polo que a obra busca facilitar o traballo das explotacións e asegurar unha circulación máis cómoda e segura. Segundo o proxecto, os traballos abranguen 475 metros lineais cun ancho medio de 4,50 metros.

As tarefas que se están a executar inclúen a limpeza das cunetas mediante retroescavadora, a retirada e acondicionamento do material existente cun cepillo de arame e a posterior aplicación dunha capa de rodadura tipo triple rego asfáltico, garantindo unha superficie compactada e uniforme. A intervención complétase coa colocación de nova sinalización vertical e coa correcta xestión dos residuos xerados, fundamentalmente terras e materiais pétreos mesturados.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou a zona acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández e polo pedáneo de San Román, Antonio Vila, para comprobar a evolución dos traballos. Durante a visita, destacou que se trata dunha mellora “moi demandada polos veciños e polas explotacións agrícolas que empregan este camiño a diario”. Engadiu que a actuación permitirá dispoñer “dun acceso máis seguro, máis cómodo e plenamente adaptado ao tránsito que soporta habitualmente”.

García Caramés subliñou tamén que o Concello mantén unha liña clara de compromiso coa mellora da rede viaria rural: “Seguimos actuando en todos os puntos do municipio que o precisen. O noso obxectivo é garantir vías en bo estado, porque iso repercute directamente no benestar e no día a día da nosa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.073345899581909