Cervo aproba un orzamento “realista e responsable” para 2026 centrado nos servizos públicos e no benestar social

AMariñaXa
As contas municipais, que ascenden a 8,28 millóns de euros e manteñen a débeda en cero, impulsan investimentos en parques, mobilidade, vivenda, emprego e apoio ás asociacións locais
concello de cervo edificio
5 Dec 2025

O Concello de Cervo iniciará o ano 2026 cun novo marco económico que, segundo o Goberno local, consolida unha liña de xestión centrada nas persoas e na modernización do municipio. O pleno municipal aprobou este xoves un orzamento de 8.285.600 euros, unha contía equilibrada, sen recorrer ao endebedamento e sen aumentar a presión fiscal sobre a cidadanía. Pola contra, o documento incorpora rebaixas como a redución do ICIO, destinada a facilitar a construción de vivenda e a implantación de novos proxectos empresariais no polígono industrial.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, definiu as contas como “realistas, prudentes e absolutamente necesarias para garantir o bo funcionamento do Concello”. A rexedora lembrou que o municipio mantén “débeda cero desde hai máis de tres anos” e asegurou que o executivo local seguirá traballando para preservar esa estabilidade económica. Para Caramés, trátase de “orzamentos responsables, transparentes e enfocados ás necesidades reais da veciñanza”.

Outro dos piares fundamentais do documento é o apoio decidido ao tecido asociativo do municipio, tanto no ámbito cultural como social e deportivo. A alcaldesa subliñou que as asociacións son “motor de vida, de participación e de actividade”, e reiterou que o Concello seguirá acompañando e respaldando o traballo que desenvolven ao longo do ano.

A mellora dos servizos públicos e a atención directa ás persoas constitúen outro dos eixos da planificación municipal para o próximo exercicio. As contas responden ás necesidades prioritarias detectadas polo Goberno local, como o apoio ás familias, os programas dirixidos á mocidade, as iniciativas destinadas ás persoas maiores e todas aquelas actuacións que reforcen a cohesión entre os distintos colectivos que conforman o municipio. “Queremos un Cervo que avance con equilibrio, centrado na mellora continua da calidade dos servizos e na creación de oportunidades para todos”, destacou a rexedora.

No capítulo de investimentos, o orzamento inclúe actuacións que marcarán o rumbo do ano 2026. Entre elas destacan a renovación integral dos parques Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, na capitalidade, e a do parque infantil da Praza dos Campos, en San Ciprián. Esta intervención permitirá modernizar estes espazos, mellorar a súa accesibilidade e convertelos en zonas de encontro máis seguras, atractivas e cohesionadas para nenos, familias e persoas maiores, fomentando así a convivencia e o lecer ao aire libre.

Outra actuación clave será a execución da nova estrada das Quintas, que botará a andar a comezos do ano e conectará O Paraño coa Rúa do Vilar. Caramés definiu este proxecto como “estratéxico para o futuro de Cervo”, xa que funcionará como variante para desviar o tráfico pesado fóra do núcleo urbano, mellorando a seguridade viaria, reducindo riscos para os peóns e facilitando a mobilidade en toda a contorna.

A construción desta vía permitirá avanzar tamén no proxecto de semipeonalización do centro urbano, unha iniciativa coa que o Concello busca crear un espazo máis amable, tranquilo e cómodo para vivir, mercar e pasear. Ademais, o executivo municipal prevé aprobar no segundo trimestre de 2026 dous proxectos xa redactados para a mellora integral da Avenida da Mariña, en San Ciprián, outra das actuacións prioritarias para o futuro inmediato.

Caramés asegurou que todas estas intervencións teñen un obxectivo común: “Transformar a mobilidade de Cervo, facer un municipio máis seguro e facilitar o día a día das persoas”. A rexedora concluíu que o orzamento para 2026 permitirá seguir avanzando cara a un modelo de municipio moderno, sostible e accesible, ao tempo que reivindicou a importancia dunha xestión “dinámica, aberta ao diálogo e centrada en sumar esforzos xunto coa cidadanía”.

“Queremos continuar medrando da man das familias, das asociacións, dos centros educativos e dos clubs deportivos; sempre desde a transparencia, a responsabilidade e o compromiso con Cervo”, afirmou Caramés, insistindo en que o Goberno local mantén unha folla de ruta clara e unha prioridade irrenunciable: o benestar dos veciños e veciñas.

⚙ Configurar cookies
0.079110860824585