Cervo aposta polos retos en equipo cun concurso de quebracabezas no corazón de Sargadelos

AMariñaXa
A proposta estrearase en setembro na Sala Xosé Vizoso e premiará a rapidez e a coordinación das parellas participantes
quebracabezas-puzzle
30 Aug 2026

O Conxunto Histórico de Sargadelos será escenario dunha nova actividade de lecer pensada para todas as idades. O Concello de Cervo e HAI LARÁN, Escape Room & Espazo Creativo, presentaron o I Concurso de Puzzles “Sargadelos peza a peza”, unha iniciativa que busca promover o enxeño, a participación e o traballo colaborativo nunha contorna de gran valor patrimonial.

A cita está programada para o domingo 6 de setembro de 2026, entre as 11:00 e as 13:00 horas, na Sala Cultural Xosé Vizoso. Os participantes competirán por equipos de dúas persoas, podendo estar formados tanto por adultos como por unha combinación de adulto e menor.

O desafío consistirá en completar un puzzle no menor tempo posible. Os tres equipos máis rápidos recibirán premio, ao igual que a mellor parella local. A inscrición terá un custo de 15 euros por equipo e as prazas serán limitadas.

Durante a presentación da actividade, a alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de seguir incorporando propostas diferentes á programación municipal, ao tempo que valorou a capacidade de HAI LARÁN para crear experiencias que combinan diversión, aprendizaxe e interacción social.

O proxecto, instalado no Centro de Emprendemento de Sargadelos, desenvolve actividades vinculadas aos escape rooms, aos xogos cooperativos e á creatividade. Neste sentido, desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas aos retos de habilidade a participar nun evento que pretende converterse nun novo atractivo cultural do municipio.

0.14665007591248