Cervo aposta pola eficiencia enerxética coa instalación dunha nova caldeira de biomasa na piscina

AMariñaXa
O investimento, de 60.000 euros, foi financiado pola Xunta e permitirá reducir o consumo eléctrico e as emisións contaminantes
Cervo-caldeira-pellets-2025
13 Nov 2025

O Concello de Cervo completou unha importante actuación de modernización nas instalacións da piscina municipal de Lieiro coa instalación dunha nova caldeira de biomasa destinada á produción de auga quente sanitaria. Esta mellora, que supón un investimento total de 60.000 euros, foi financiada pola Dirección Xeral da Administración Local da Consellería de Presidencia, ao abeiro do Fondo de Cooperación Local destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes.

A nova caldeira, cunha potencia de 64 kW, substitúe o anterior sistema baseado en resistencias eléctricas, que implicaba un elevado consumo enerxético e unha eficiencia reducida. O novo equipamento funciona con pellets de madeira, un combustible renovable e sostible que contribúe á redución das emisións de CO₂ e á mellora da eficiencia enerxética das instalacións municipais.

Segundo explican desde o Concello, coa posta en marcha deste sistema garántese un subministro constante de auga quente durante todo o ano, reducindo de maneira significativa o gasto eléctrico e o impacto ambiental. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou a instalación acompañada dos concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández para comprobar o resultado dos traballos, e destacou que esta intervención “forma parte da estratexia municipal de eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental, co obxectivo de facer de Cervo un concello máis eficiente, moderno e respectuoso co medio ambiente”.

García Caramés subliñou tamén que a aposta por fontes de enerxía limpas “non só mellora o rendemento das instalacións públicas, senón que supón un aforro económico para as arcas municipais e un beneficio directo para os veciños e usuarios”.

Esta intervención engádese a outros proxectos de mellora nas instalacións deportivas do municipio, como a recente instalación dun novo sistema de ventilación no ximnasio da piscina, cun investimento superior aos 23.000 euros, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

O novo sistema de ventilación, dotado dun recuperador de calor de fluxo cruzado, permite optimizar o confort térmico e reducir o consumo enerxético, aproveitando o calor residual do aire interior e mellorando a calidade ambiental do espazo.

Con estas actuacións, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión pública baseado na eficiencia, o aforro e o respecto polo medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.069103956222534