Cervo amplía ‘Brincos de Lecer’ con actividades para crianzas desde os dous anos

O programa de ocio educativo ‘Brincos de Lecer coa Ra Ramira’ regresará á Casa da Cultura de San Cibrao cunha oferta ampliada para acompañar ás familias ao longo do curso escolar. O Concello de Cervo abriu xa o prazo de inscrición para unha nova edición dunha iniciativa que combina aprendizaxe, creatividade, xogo e socialización e que busca, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación familiar e laboral.
A principal novidade será ‘Brinquiños’, coa que o programa chega por primeira vez ás crianzas de entre 2 e 3 anos. As sesións desenvolveranse os martes e xoves, de 16.30 a 17.30 horas, ofrecendo así unha alternativa de ocio adaptada ás primeiras idades.
A programación foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, xunto con Alba Fernández e Carmela Rodríguez, responsables, respectivamente, das actividades de Brincos de Lecer e do obradoiro ‘Playing in English’.
INGLÉS A TRAVÉS DO XOGO
Tras a boa acollida da pasada edición, ‘Playing in English’ continuará en colaboración coa English School de San Ciprián. A proposta pretende achegar o inglés dun xeito lúdico e participativo a alumnado desde Infantil ata 2º de ESO.
Infantil terá as sesións os luns, de 18.30 a 19.30 horas; 1º e 2º de Primaria, os martes de 17.30 a 18.30; e 3º e 4º, tamén os martes, de 18.30 a 19.30. Os xoves será a quenda de 5º e 6º de Primaria, de 18.30 a 19.30, e de 1º e 2º de ESO, de 19.30 a 20.30 horas.
A oferta complétase con ‘Brincos’, para nenos e nenas de 3 a 5 anos; ‘Croacbooking’, centrado nas manualidades para alumnado de 6 a 12 anos; ‘Aprender a Aprender’, destinado a traballar estratexias de memoria, atención e estudo; e ‘Findes Anfibios’, con obradoiros temáticos en fins de semana alternos.
García Caramés destacou que o obxectivo é que "esta aposta polo ocio educativo non quede limitada ao verán, senón que poida continuar ao longo de todo o curso escolar". A rexedora incidiu tamén na importancia de ofrecer "espazos seguros nos que poidan divertirse, aprender, relacionarse e desenvolver a súa creatividade".
As familias interesadas poden formalizar xa as inscricións na Casa da Cultura de San Cibrao.