Cervo acollerá o VI Torneo de Pádel con seis días de deporte e convivencia

AMariñaXa
A competición celebrarase do 23 ao 28 de setembro nas pistas da Veiga e inclúe catro categorías
pista-padel-cervo
11 Sep 2025

As pistas municipais da Veiga, en San Cibrao, serán escenario do VI Torneo de Pádel de Cervo, que se desenvolverá entre os días 23 e 28 de setembro. A cita, organizada polo Club Deportivo San Ciprián en colaboración co Concello de Cervo, ofrecerá seis xornadas de intensa actividade deportiva e tamén momentos para compartir e convivir arredor deste deporte en auxe.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 15 de setembro a través da web mistorneosonline.es ou no teléfono habilitado para consultas. O custo será de 20 euros por categoría e 28 euros para quen participe en dúas.

O torneo establece un máximo de 16 parellas por categoría e require un mínimo de 8 para poder celebrarse. Haberá catro cadros: Primeira Masculina, Segunda Masculina, Feminina e Mixta, todos eles con cadro de consolación, o que garante máis dun encontro a cada participante.

No marco da competición tamén se celebrará un sorteo solidario promovido pola Asociación Coletiñas, co obxectivo de recadar fondos para a entidade.

Dende o Concello destacan que o torneo é unha oportunidade para dinamizar a vida deportiva local, favorecer a convivencia veciñal e atraer visitantes a San Cibrao, convertendo o evento nun referente anual do calendario cervense.

⚙ Configurar cookies
0.16441893577576