Cervo acollerá o primeiro Campus de Semana Santa de Natación Artística

AMariñaXa
A Piscina Municipal de Lieiro será escenario dunha concentración deportiva dirixida a mozos e mozas federados entre 2011 e 2015
Cervo--I-Campus-de-Veran-de-Natación-Artistica-2025
9 Mar 2026

O Concello de Cervo converterase esta primavera no punto de encontro para novos talentos da natación artística coa celebración do I Campus de Semana Santa, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Natación en colaboración coa administración local. A actividade desenvolverase entre o 28 de marzo e o 1 de abril na Piscina Municipal de Lieiro.

O campus está dirixido a nenos e nenas nados entre 2011 e 2015 que estean federados nesta disciplina deportiva e terá como obxectivo ofrecer unha experiencia de formación e convivencia nun ambiente de traballo especializado. Ao longo de varios días, os participantes poderán mellorar a súa técnica e compartir adestramentos con outros deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia.

A dirección técnica estará a cargo de Sandra Montes, quen contará co apoio doutros adestradores de alto nivel, garantindo así unha preparación completa tanto no ámbito técnico como no deportivo.

A presentación oficial do campus contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, do concelleiro de Deportes, David Rodríguez, do presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, así como de persoal municipal da instalación deportiva.

Durante o acto, a rexedora destacou a importancia de que o municipio sexa sede desta iniciativa. “Para nós é unha satisfacción acoller este primeiro Campus de Semana Santa de Natación Artística, que permitirá a mozos e mozas apaixonados por esta disciplina adestrar e convivir no noso concello cun equipo técnico de primeiro nivel”, sinalou.

García Caramés tamén puxo en valor as instalacións deportivas municipais e o traballo conxunto coas entidades deportivas, subliñando que desde o Concello continúan apostando pola organización de actividades que impulsen o deporte base e que, ao mesmo tempo, contribúan a dinamizar a vida social e deportiva do municipio.

O campus contará cun total de 30 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. O custo da participación será de 365 euros por deportista, unha tarifa que inclúe pensión completa, sesións de adestramento e diferentes actividades recreativas ao longo de toda a estancia.

Con esta proposta, Cervo reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte entre a mocidade e coa organización de eventos que contribúan a consolidar o municipio como escenario de actividades deportivas de referencia.

0.11649990081787