Cervo acollerá a III Carreira de Andadura na pista ecuestre da Bidueira o 11 de xullo

O Concello de Cervo acollerá o vindeiro sábado 11 de xullo a III Carreira de Andadura, que se celebrará na pista ecuestre da Bidueira e reunirá numerosos afeccionados ao mundo do cabalo nunha xornada de competición, tradición e convivencia.
A cita foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, xunto con representantes da asociación Cabaleiros da Bidueira, entidade organizadora da proba coa colaboración do Concello.
A competición dará comezo ás 10:30 horas, tras as medicións previstas para as 09:45 horas, e continuará ás 16:00 horas coa sesión de tarde. Haberá probas nas categorías Chapeada +1,50, Chapeada -1,50, Serrada +1,50, Serrada -1,50 e Sub-16, con premios en metálico e trofeos para os mellores clasificados. Ademais, entregarase un trofeo especial ao xinete que consiga bater o mellor rexistro da pista, establecido en 29,40 segundos. O prazo de inscrición remata o 9 de xullo, e as persoas interesadas poden anotarse chamando aos teléfonos 657 256 408 ou 677 539 285.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de seguir apoiando iniciativas que poñen en valor as tradicións do municipio e dinamizan o rural, ao tempo que felicitou a Cabaleiros da Bidueira polo seu traballo e implicación na organización desta terceira edición.
Así mesmo, animou aos afeccionados ao mundo ecuestre e ao público en xeral a achegarse á Bidueira para gozar dunha xornada na que se combinarán deporte, tradición e bo ambiente, contribuíndo ademais a promocionar unha disciplina con grande arraigamento en Galicia.
Desde o Concello de Cervo convidan á veciñanza e aos visitantes a participar e desfrutar desta festa do mundo ecuestre, que volverá converter a Bidueira nun punto de encontro para os amantes do cabalo e das tradicións galegas.