Cervo acollerá a II Carreira de Andadura e a Mexillonada Popular no inicio das Festas do Carme

Este sábado 12 de xullo, o municipio de Cervo vivirá unha xornada completa de festa e lecer coa celebración de dúas citas destacadas: a II Carreira de Andadura na pista ecuestre da Bidueira e a Mexillonada Popular na Praza dos Campos, que marcará o comezo das Festas do Carme. Ambas as actividades contan coa colaboración do Concello e coa participación de asociacións locais.
Pola mañá, desde as 10.30horas, terá lugar a II Carreira de Andadura organizada polos Cabaleiros da Bidueira, un evento que reunirá afeccionados ao mundo ecuestre nun espazo preparado para o goce do público e dos participantes.
Xa pola tarde, a partir das 20.00 horas, a Praza dos Campos acollerá a tradicional Mexillonada Popular organizada pola Asociación Amigos da Maruxaina. Trátase do pistoletazo de saída das Festas do Carme, unha das celebracións máis sinaladas do calendario cervense.
Ademais, ao longo de toda a xornada haberá oportunidade de gozar da mobilidade sostible grazas ás bicicletas eléctricas do programa Enredando no Verán. Esta actividade desenvolverase na Praza de Nardo, en San Ciprián, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Desde o Concello salientan que se achega unha fin de semana cargado de actividades para todos os públicos, con propostas que combinan deporte, gastronomía e festa ao aire libre.