Cervo acollerá a exposición “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote” na Casa da Cultura

AMariñaXa
A mostra, impulsada por ABANCA e Afundación en colaboración co Concello, poderá visitarse do 4 de xuño ao 10 de xullo e reúne algunhas das obras máis representativas do humor gráfico do autor
Cervo-sinatura-abanca-exposicion-arte-e-humor-2026
28 May 2026

O Concello de Cervo será escenario dunha nova proposta cultural coa chegada da exposición “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote”, unha iniciativa promovida por ABANCA e Afundación en colaboración co propio consistorio. A mostra instalarase na Sala de Exposicións da Casa da Cultura e poderá visitarse entre o 4 de xuño e o 10 de xullo.

A apertura oficial terá lugar o mércores 4 de xuño ás 11:00 horas nun acto que contará coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, así como representantes institucionais de ABANCA e Afundación, que participaron na sinatura do convenio que fai posible a chegada desta exposición ao municipio.

A mostra reúne unha coidada selección de debuxos, viñetas e reflexións visuais de Antonio Mingote, considerado unha das figuras máis destacadas do humor gráfico español. A súa obra caracterízase pola combinación de ironía, elegancia e crítica social, converténdose nun referente imprescindible dentro do xénero.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Corrente cultural”, impulsado por ABANCA e Afundación co obxectivo de achegar a arte e a cultura a diferentes localidades galegas, promovendo o acceso da cidadanía a exposicións de calidade.

Desde o Concello de Cervo destacan a importancia de seguir dinamizando os espazos culturais do municipio, ofrecendo programacións variadas e accesibles que permitan achegar propostas artísticas de relevancia á veciñanza e contribuír á vida cultural local.

0.11823582649231