Cervo acolle un novo centro para a saúde mental que reforza a rede comarcal da Mariña

O concello de Cervo conta desde esta semana cun novo centro de atención á saúde mental, especializado na rehabilitación psicosocial e laboral. Este espazo, que vén sumarse aos xa existentes en Burela, Viveiro e Ribadeo, sitúase como o cuarto da comarca da Mariña dedicado a este ámbito, fortalecendo unha rede de apoio fundamental para moitas persoas.
No acto inaugural participaron Carmela López Moreno, deputada de Economía, Facenda, Recadación e Especial de Contas, e Francisco Cajoto Caserío, deputado de Recursos Sostibles. Durante a súa intervención, López Moreno destacou o papel da Deputación de Lugo como entidade colaboradora coa asociación Saúde Mental A Mariña, que xestiona estes centros, contribuíndo a sufragar parte dos custos.
“Non é só un centro físico, é un espazo de coidado, dignidade e novas oportunidades”, sinalou a deputada, quen subliñou que os servizos sociais “non son complementarios, senón unha peza clave para construír unha sociedade máis xusta e equitativa”. Ademais, fixo fincapé en que investir en saúde mental é apostar “por un futuro máis igualitario e polo benestar colectivo”.
Segundo datos que manexou López, unha de cada catro persoas pode padecer algún trastorno mental ao longo da súa vida, o que fai evidente a necesidade de recursos axeitados. “Detrás das cifras hai nomes, historias, familias que loitan día a día”, apuntou, lembrando que as enfermidades mentais “moitas veces invisibles, impactan de maneira decisiva na vida persoal, social e laboral das persoas afectadas”.
A responsable provincial rematou agradecendo o labor da asociación Saúde Mental A Mariña, resaltando o seu compromiso e o apoio que presta ás persoas usuarias e ás súas familias, “moitas veces convertidas no primeiro piar de resistencia e acompañamento”.