Cervo acolle un curso especializado de socorrismo acuático con alumnado de toda A Mariña

AMariñaXa
Un total de 22 participantes fórmanse en rescate, primeiros auxilios e intervención en emerxencias en praias e piscinas
Imaxe recurso de salvamento marítimo
19 May 2026

O Concello de Cervo está a converterse estas semanas nun punto de referencia para a formación en salvamento acuático coa celebración dun Curso de Formación Específica de Socorrismo en Instalacións e Espazos Acuáticos Naturais organizado pola AGASP, no que participan 22 persoas procedentes de diferentes municipios da comarca da Mariña.

O programa formativo, que se desenvolve entre o 4 de abril e o 30 de maio, combina contidos teóricos e prácticos distribuídos nas fins de semana, cun total de 120 horas centradas na preparación de profesionais capacitados para actuar en situacións de emerxencia tanto en praias como en piscinas e outros espazos acuáticos.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández visitaron recentemente unha das sesións prácticas realizadas na contorna da praia do Torno, onde puideron coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polo alumnado e polo equipo docente encargado da formación.

Durante o curso, os participantes reciben preparación específica en prevención de riscos, técnicas de rescate acuático, utilización de material de salvamento, primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores, ademais de formación relacionada coa coordinación de emerxencias e a intervención en contornas naturais.

O programa inclúe tamén módulos orientados á organización dos servizos de socorrismo, prevención de accidentes, comunicación en situacións críticas, apoio psicolóxico e coordinación con outros dispositivos de seguridade e rescate.

A rexedora cervense destacou a importancia de que os municipios poidan acoller este tipo de iniciativas formativas, tanto pola saída profesional que representan como pola súa contribución á seguridade nas praias e piscinas durante os meses de verán.

Segundo sinalou Dolores García Caramés, contar con persoal ben preparado resulta fundamental para garantir unha resposta rápida e eficaz ante calquera emerxencia, polo que considera que esta formación proporciona ferramentas técnicas e prácticas moi completas para o desempeño desta profesión.

Unha vez finalizado o curso, os 22 participantes obterán a capacitación necesaria para traballar como socorristas en instalacións acuáticas e espazos naturais, adquirindo coñecementos especializados para afrontar intervencións de rescate e atención sanitaria con maiores garantías.

Desde o Concello de Cervo valoran moi positivamente a celebración desta actividade formativa no municipio, destacando o impacto favorable que supón tanto para a preparación profesional do alumnado como para seguir reforzando a cultura da prevención e da seguridade acuática.

0.11288404464722