Cervo acolle esta fin de semana o Campionato Galego Infantil de Natación

AMariñaXa
Preto de 200 deportistas de trinta clubs competirán na Piscina Municipal Olímpica os días 21 e 22 de febreiro
Cervo-presentacion-campionato-galego-infantil-natacion-2026
12 Feb 2026

O Concello de Cervo converterase esta fin de semana nun dos principais focos do deporte base galego coa celebración do Campionato Galego Infantil de Natación, unha das probas máis destacadas do calendario oficial da Federación Galega de Natación nas categorías formativas. A competición disputarase os días 21 e 22 de febreiro na Piscina Municipal Olímpica e reunirá a preto de 200 nadadores e nadadoras procedentes de arredor de trinta clubs de toda Galicia.

O campionato desenvolverase ao longo de catro sesións, repartidas entre mañá e tarde, con probas que darán comezo ás 10.00 horas pola mañá e ás 17.00 horas en horario vespertino, ao longo das dúas xornadas de competición.

A organización corre a cargo da Federación Galega de Natación e do Club Natación Xove, contando co apoio do Concello de Cervo, do Concello de Xove e da Xunta de Galicia. Esta colaboración entre administracións e entidades deportivas reflicte o compromiso conxunto co impulso do deporte base e coa promoción de eventos deportivos de ámbito autonómico na comarca da Mariña.

A presentación oficial do campionato tivo lugar nas instalacións municipais de Lieiro e contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; do concelleiro de Deportes, David Rodríguez; do presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; e do presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras.

Durante o acto, a alcaldesa salientou a importancia de seguir reforzando o apoio institucional ao deporte formativo e de consolidar sinerxías entre administracións e clubs para atraer ao municipio competicións de relevancia autonómica. Así mesmo, destacou que este campionato serve para consolidar a Piscina Municipal Olímpica como unha instalación deportiva de referencia, plenamente capacitada para acoller eventos oficiais de alto nivel tanto no plano técnico como organizativo.

A chegada de deportistas, equipos técnicos e acompañantes suporá tamén un impulso económico para o municipio durante a fin de semana, con especial incidencia positiva nos sectores da hostalaría, o comercio e os servizos locais.

⚙ Configurar cookies
0.076220035552979