Cervo acolle a súa primeira proba do programa Xogade con máis de 300 atletas

O Concello de Cervo será, por primeira vez, o escenario dunha proba de atletismo do Programa Xogade da Xunta de Galicia, que terá lugar este sábado, 22 de marzo, nas pistas municipais da Veiga. Espera-se que máis de 300 atletas das categorías Benxamín, Alevín e Infantil procedentes de diferentes clubs de toda A Mariña se den cita na localidade para competir en diversas modalidades como 50m, 60m, 80m, 1000m, altura, relevos, lonxitude ou peso.
A alcaldesa de Cervo, que presentou o evento xunto co Xefe Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón, e o delegado da Federación Galega de Atletismo para Lugo, Pablo Gandoy, mostrou a súa satisfacción por Cervo incorporarse ao circuíto do programa Xogade, destacando a alta participación e sinalando que este evento supón unha importante oportunidade para seguir impulsando o desenvolvemento socioeconómico do municipio. A rexedora tamén subliñou que o programa Xogade é unha das iniciativas máis destacadas da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover os valores do deporte desde idades temperás.
Ademais, destacou que as competicións como esta teñen un impacto positivo na desestacionalización do turismo, permitindo que os atractivos de Cervo se mostren a todos os que se desplacen ao municipio esta fin de semana, fóra da tempada alta. O evento de mañá será a primeira das catro probas que se celebrarán nas pistas de atletismo da Veiga, cun horario de 10:00 a 14:00 horas. As seguintes citas do calendario serán o 5 e 26 de abril, e o 11 de maio.
Xogade é un programa creado na tempada 2009/10 co obxectivo de promover a saúde e o deporte entre os escolares galegos, en colaboración coas federacións e as agrupacións deportivas escolares. Desde a súa posta en marcha, máis do 50% dos escolares galegos de entre 6 e 16 anos tiveron a oportunidade de participar, chegando a preto de 150.000 nenos e nenas nas últimas tempadas. Este programa permite que os escolares de toda Galicia practiquen e compitan en atletismo, creando un espazo para o deporte e a colaboración entre colexios e clubs.