Cervo acolle a Copa Galega absoluta de Wáter-polo este fin de semana

A piscina municipal de Cervo converterase este fin de semana, 24 e 25 de xaneiro, no epicentro do wáter-polo galego coa celebración da Copa Galega absoluta masculina e feminina. Esta competición, organizada pola Federación Galega de Natación (FEGAN) coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Cervo, é unha das citas máis salientables do calendario autonómico desta disciplina.
A presentación oficial do evento contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, e do presidente da FEGAN, Juan Carlos Brión, quen destacaron a importancia de acoller un torneo deste nivel, tanto para o municipio como para o conxunto do deporte galego. A rexedora sinalou que “para Cervo é unha satisfacción poder recibir un evento deportivo autonómico desta categoría, que amosa a calidade das nosas instalacións e o compromiso do Concello coa promoción do deporte”. Ademais, subliñou que este tipo de citas “impulsan tamén a actividade social e económica da vila durante o fin de semana”.
A competición disputarase baixo un sistema eliminatorio (KO) en ambas categorías. Os partidos comezarán o sábado 24 ás 11:00 horas coa categoría feminina, desenvolvéndose ao longo de toda a fin de semana ata as finais do domingo pola tarde.
Na Copa Galega masculina participarán clubs como CW Santiago, CW Lugo, CWP Ourense, RCN Vigo, CW Pontevedra, CM Ferrol e CWC Rías Altas, mentres que na feminina competirán CW Santiago, CW Lugo, CW As Mariñas, RCN Vigo, CW Pontevedra, CM Ferrol e CWC Rías Altas. A presenza destes equipos converte a Cervo nun referente autonómico do wáter-polo durante dous días, ofrecendo ao público un espectáculo de alto nivel tanto en categoría masculina como feminina.
Desde o Concello animan á veciñanza e aos afeccionados ao deporte a achegarse á piscina municipal para apoiar aos equipos e gozar dunha competición que consolida a Cervo como sede habitual de eventos deportivos de relevancia en Galicia.