Cervo achega ás familias con nenos de ata 6 anos o programa ‘Educando en familia’

AMariñaXa
Unha reunión informativa o xoves 24 de setembro permitirá coñecer unha iniciativa que ofrecerá orientación, obradoiros, asesoramento e actividades nos dous colexios do municipio
educando-en-familia-Cervo-2026
15 Sep 2026

As familias de Cervo con fillos e fillas de entre 0 e 6 anos poderán coñecer o vindeiro xoves 24 de setembro o funcionamento de ‘Educando en familia’, un programa co que o Concello volve colaborar este curso e que busca ofrecer acompañamento e ferramentas durante os primeiros anos da infancia.

A reunión informativa celebrarase ás 17.00 horas no Salón de Actos da Casa do Concello e servirá para explicar as diferentes propostas da iniciativa e resolver as dúbidas das persoas interesadas. Para dar a coñecer a convocatoria, o Concello enviou cartas ás familias cervenses con nenos e nenas destas idades, que irán chegando aos domicilios nos próximos días.

O programa desenvolverase os xoves alternos e contará con actividades tanto no CEIP de Cervo como no CEIP Península da Paz. O obxectivo é crear espazos próximos nos que as familias poidan compartir experiencias e recibir orientación e asesoramento especializado sobre diferentes cuestións relacionadas coa crianza e a educación.

Entre as propostas previstas atópanse espazos educativos, xuntanzas e obradoiros temáticos, intervención e asesoramento pedagóxico, orientación educativa personalizada e actividades lúdicas. A programación completarase coa participación en programas de radio e con recursos telemáticos destinados a contribuír ao desenvolvemento dos máis pequenos.

Outro dos ámbitos nos que incidirá ‘Educando en familia’ será a adaptación progresiva aos centros escolares, acompañando as familias durante esta transición e facilitándolles recursos que lles permitan afrontar o proceso con maior confianza e seguridade.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a nova edición xunto con Fany e Erika, de Educando en familia. A rexedora destacou a importancia de "acompañar ás familias desde os primeiros anos, ofrecéndolles recursos e apoio nunha etapa tan importante como é a primeira infancia".

García Caramés incidiu tamén en que o Concello quere continuar respaldando propostas vinculadas ás necesidades cotiás das familias. "‘Educando en familia’ ofrece un espazo de acompañamento, orientación e intercambio de experiencias que pode ser moi útil no día a día", sinalou.

A alcaldesa animou finalmente ás familias destinatarias a acudir á reunión do día 24 para coñecer directamente o programa e as posibilidades que ofrece. As persoas que desexen ampliar información poden contactar a través do teléfono 696 315 098.

0.16737008094788