Cervo abre o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas Municipais e os cursos de natación

AMariñaXa
A programación inclúe actividades para nenos e adultos e busca promover hábitos de vida saudables e a convivencia a través do deporte
escolas-deportivas-cervo-2025-2026
8 Sep 2025

O Concello de Cervo abre mañá, martes 9 de setembro, o prazo de inscrición para a tempada 2025-2026 das Escolas Deportivas Municipais e dos cursos de natación. A oferta abrangue unha ampla variedade de disciplinas pensadas tanto para crianzas e mocidade como para persoas adultas.

Na programación infantil inclúense ximnasia rítmica, multideporte, patinaxe, balonmán e voleibol. Para os adultos haberá fit-dance, pilates, corpo activo e ioga. As fichas de inscrición poderán recollerse e entregarse no Concello ou na Casa da Cultura, e a admisión realizarase por orde de presentación da documentación.

Tamén se abre o prazo para os cursos de natación, que ofrecen grupos de diferentes niveis, tanto infantís como de adultos, así como clases de Aquagym. Neste caso, as inscricións faranse de forma presencial na piscina municipal e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Deportes, David Rodríguez, presentaron a programación destacando que “seguimos facendo unha firme aposta pola práctica deportiva como ferramenta de benestar físico e emocional. Queremos que toda a veciñanza, desde as crianzas ata a xente adulta, dispoña dunha programación variada e de calidade, adaptada ás súas necesidades”.

Engadiron ademais que estas propostas “non só fomentan hábitos de vida saudables, senón que tamén fortalecen os lazos sociais e dinamizan a vida do municipio, porque o deporte é sinónimo de saúde, convivencia e integración. Desde o Concello de Cervo imos seguir traballando para que toda a cidadanía teña a oportunidade de participar nunha ampla axenda de actividades para todos os públicos”.

⚙ Configurar cookies
0.21511006355286