Cervo abre o calendario deportivo co Campionato de Aninovo de Nihon Tai-jitsu

AMariñaXa
Medio cento de deportistas de toda Galicia daranse cita o 25 de xaneiro no pavillón do CEIP Península da Paz
1-XIII-CAMPIONATO-GALEGO-DE-NIHON-TAI-JITSU
21 Jan 2026

O Concello de Cervo converterase o vindeiro domingo, 25 de xaneiro, no epicentro galego do Nihon Tai-jitsu coa celebración do Campionato de Aninovo, unha cita deportiva que reunirá a arredor de medio cento de competidores procedentes de distintos puntos de Galicia.

A competición desenvolverase no Pavillón do CEIP Península da Paz e contará coa participación de deportistas de todas as categorías, desde alevín ata sénior, que competirán nas modalidades de kata individual e expresión técnica por parellas.

O evento foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Adrián Arias e polo presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo e director do departamento de Tai-jitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo, quen destacaron a importancia desta cita tanto a nivel deportivo como promocional.

Desde o Concello subliñan que este campionato supón o inicio do calendario de competicións de artes marciais en Galicia neste 2026, ademais dunha oportunidade para fomentar a práctica deportiva, os valores asociados ao deporte e a convivencia entre deportistas de distintas idades.

Así mesmo, o goberno local anima á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio a achegarse ao pavillón e desfrutar dunha xornada deportiva que combina disciplina, técnica e espectáculo, contribuíndo tamén á dinamización social e deportiva de Cervo.

⚙ Configurar cookies
0.07623291015625