Cervo abre as inscricións para unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais

As Escolas Deportivas Municipais de Cervo preparan unha nova tempada cunha oferta destinada a diferentes idades e niveis. O prazo de inscrición abre este mércores, 9 de setembro, para participar nunha programación que reúne nove modalidades e busca fomentar a actividade física e os hábitos saudables entre a veciñanza.
A proposta para o público infantil inclúe ximnasia rítmica, multideporte, patinaxe, balonmán e voleibol. No caso das persoas adultas, poderase escoller entre fit-dance, pilates, corpo activo e ioga, ampliando así as alternativas para incorporar o exercicio á rutina diaria.
As fichas necesarias para formalizar a inscrición poderán recollerse e entregarse presencialmente no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura. As prazas asignaranse seguindo a orde de presentación da documentación, aínda que terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, presentou a nova programación acompañada por parte dos monitores e monitoras responsables das diferentes disciplinas. A rexedora destacou a intención de manter unha oferta "ampla, variada e accesible para todos os públicos".
García Caramés incidiu tamén no papel dos profesionais que estarán á fronte das actividades, dos que salientou a súa experiencia e implicación para desenvolver as sesións nun ambiente próximo e seguro.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar nunhas escolas coas que se pretende favorecer non só o benestar físico e a saúde, senón tamén a convivencia e a relación entre persoas de diferentes idades a través do deporte.