Centos de persoas reclaman melloras na sanidade pública en Ribadeo

A pesar do mal tempo deste sábado pola mañá, arredor de medio milleiro de persoas acudiron á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo para reclamar todos os servizos cos que o Centro de Saúde non conta.
Nesta concentración, o BNG quixo denunciar o progresivo deterioro da atención primaria que os e as ribadenses levan meses padecendo. A preocupación céntrase especialmente na ausencia prolongada do pediatra, a falta de matrona e as vacantes en medicina de familia, situacións que xa afectan á poboación e que se agravarán nos próximos meses.
O voceiro municipal do BNG, Pablo Vizoso, sinalou que "temos un goberno do PP máis preocupado en criticar ao BNG por defender os dereitos da veciñanza que en garantir unha Atención Primaria digna. Un goberno que abandona a sanidade pública, con orzamentos ridículos para Atención Primaria e cun obxectivo claro de deteriorar os servizos públicos en beneficio da sanidade privada. De pouco serve levantar ladrillos novos, se non temos médicos e profesionais que nos atendan".
Tras o éxito da mobilización, a concelleira Raquel Ferreira agradeceu a todas as persoas asistentes o seu compromiso por saír á rúa nunha mañá chuviosa para defender os dereitos de toda a cidadanía.