Centos de persoas participaron na concentración para defender a Atención Primaria en Viveiro

AMariñaXa
A concentración convocada polo Concello de Viveiro e a Plataforma Sanitaria da Mariña baixo o lema 'Paremos a destrución da Atención Primaria' congregou a centos de veciños e veciñas diante do centro de saúde do municipio.
Concentración Sanidade Viveiro
Concentración Sanidade Viveiro
19 nov 2023

A concentración convocada polo Concello de Viveiro e a Plataforma Sanitaria da Mariña baixo o lema 'Paremos a destrución da Atención Primaria' congregou a centos de veciños e veciñas diante do centro de saúde do municipio.

No acto, co fin de reivindicar melloras urxentes na atención primaria da localidade, participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

José Tomé amosou o apoio da institución provincial ao Concello e á veciñanza ante unha situación de deterioro “preocupante” que afecta a este municipio e a toda a comarca da Mariña, pero tamén ao conxunto da provincia.

“A situación agora é insostible porque só están dúas facultativas de familia das sete que conforman o cadro de persoal na quenda da mañá. O mesmo acontece co servizo de Pediatría, que leva un ano sen especialistas no centro de saúde”, subliñou o mandatario provincial.

En numerosas ocasións, lembrou Tomé Roca, a Deputación ten instando á Xunta de Galicia con acordos plenarios a restituír os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes.

Lembra tamén a falta de previsión do Goberno galego ante as xubilacións dos facultativos, “un feito que vimos denunciando dende hai tempo e ante o que non vemos que o Sergas mova ficha. É moi preocupante”.

Así mesmo, pon o foco na reivindicación da Deputación de que se establezan modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes, a non cobertura de baixas ou vacacións, e a temporalidade.