Celeiro reunirá en novembro expertos de distintos ámbitos para abordar o futuro da pesca

GaliciaXa | AMariñaXa
A XXX edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro celebrarase do 5 ao 7 de novembro cun 68 % de relatores que participan por primeira vez
Xornadas-pesca-celeiro-2023-dia-1
27 Sep 2026

As Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro celebrarán do 5 ao 7 de novembro a súa trixésima edición, tres décadas despois do seu nacemento. O encontro, coñecido como a “Universidade do Mar”, volverá reunir en Celeiro-Viveiro representantes do sector pesqueiro, Administracións, comunidade científica, empresas e entidades tecnolóxicas para analizar os cambios e desafíos que afronta a actividade marítimo-pesqueira.

A edición deste ano contará cun programa multidisciplinar que abordará cuestións como a biodiversidade e a conservación mariña, a intelixencia artificial, a dixitalización, a gobernanza dos océanos, a Política Pesqueira Común, o financiamento europeo e a descarbonización da frota.

A axenda incluirá tamén asuntos relacionados coa eólica mariña, a seguridade alimentaria, os novos hábitos de consumo, a competitividade, o relevo xeracional e o futuro estratéxico da pesca europea. Entre os temas que se porán sobre a mesa figuran igualmente a redución das capturas accidentais, a xestión sostible, a gobernanza das comunidades pesqueiras, a transición enerxética, a resiliencia climática, o novo regulamento de control e o desenvolvemento das zonas costeiras.

O encontro contará con representantes da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, do Parlamento Europeo, CEPESCA, Europêche, Pesca España, LDAC, ARVI, OPROMAR, OPAGAC e AGAC. Tamén participarán investigadores e especialistas de AZTI, IEO-CSIC, CEAB-CSIC, CETMAR, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Granada, así como profesionais de empresas como Grupo Arbulu, SILECMAR, ELEUKON GLOBAL e ASIME.

Na parte final das xornadas, o debate centrarase na situación da pesca europea, con asuntos como a sustentabilidade, a burocracia, a competitividade, o factor humano e o futuro da Política Pesqueira Común. A programación incluirá ademais unha homenaxe ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR polo seu 25 aniversario.

Un dos elementos destacados desta XXX edición será a incorporación de novas voces. O 68 % dos relatores participarán por primeira vez nas xornadas, que combinarán así a experiencia de especialistas con traxectoria no encontro coa achega de profesionais de novas xeracións.

As xornadas están impulsadas desde hai unha década por Puerto de Celeiro, S.A., a través da OPP-77 Celeiro, e contan co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea mediante os fondos FEMPA.

A participación será gratuíta e o encontro terá formato híbrido, con asistencia presencial en Celeiro e retransmisión en directo por internet. Desta maneira, profesionais, investigadores, estudantes, empresas e persoas interesadas no sector poderán seguir as sesións. A inscrición está dispoñible en www.jornadasceleiro.com.

A celebración do 30 aniversario terá tamén unha vertente editorial coa publicación dun libro conmemorativo que reunirá material gráfico e artigos de especialistas do ámbito pesqueiro para repasar parte da historia das xornadas e a súa evolución ao longo destas tres décadas.

0.16095614433289