Celeiro impulsará a modernización do sector pesqueiro con máis dun millón de euros en investimentos

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro dará un novo impulso á modernización das súas instalacións grazas á concesión de axudas que superan os 1,12 millóns de euros. O financiamento permitirá acometer diferentes actuacións orientadas a mellorar a eficiencia, a seguridade e a sustentabilidade da actividade pesqueira, reforzando o papel de Celeiro como un dos principais portos pesqueiros do norte de Galicia.
Estas achegas proceden da convocatoria de axudas promovida pola Consellería do Mar e cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), cun modelo de financiamento no que o 70 % dos fondos son achegados pola Unión Europea e o 30 % restante pola Xunta de Galicia.
Entre os proxectos beneficiados figura a iniciativa colectiva denominada “Mellora da calidade e control dos produtos da pesca, Celeiro 2026”, que contará cun investimento de case 240.000 euros financiado na súa totalidade a través destas axudas.
As actuacións previstas permitirán incorporar novos equipamentos destinados a optimizar o tratamento e a conservación das capturas. O proxecto inclúe a adquisición de sistemas de limpeza, un repartidor de xeo, contedores isotérmicos e centos de palés plásticos destinados á manipulación e almacenamento do produto pesqueiro.
Desde a Confraría destacan que estas melloras contribuirán a reforzar a cadea de calidade, a trazabilidade e as condicións de conservación do peixe, favorecendo unha maior competitividade nos mercados e unha mellor adaptación ás esixencias actuais do sector.
A entidade considera que este tipo de investimentos resultan fundamentais para garantir a viabilidade futura da actividade pesqueira, ao tempo que consolidan un modelo produtivo baseado na innovación, a eficiencia e o respecto polos recursos mariños.
Ademais, a entidade pesqueira levará a cabo unha inversión total de 882.314,60 euros dentro dun proxecto centrado na seguridade e na mellora das condicións de traballo nas infraestruturas portuarias. O investimento destinarase exclusivamente á adquisición de maquinaria e equipamento técnico, co obxectivo de modernizar os procesos e aumentar a eficiencia nas operacións diarias. Entre os elementos previstos inclúense transpaletas eléctricas, carretillas de tres e catro rodas, transportadores de descarga, unha plataforma para a descarga de camións e a automatización do túnel de lavado de caixas.
Trátase de actuacións consideradas estratéxicas dentro dun proxecto colectivo orientado á modernización do sector e á mellora dos equipamentos e infraestruturas dos portos pesqueiros. O obxectivo desta iniciativa pasa por reforzar a seguridade no traballo, optimizar os tempos operativos e avanzar na adaptación tecnolóxica das instalacións, nun contexto no que o sector pesqueiro aposta pola innovación e a mellora continua dos seus recursos.
Con esta aposta pola modernización, Celeiro continúa fortalecendo a súa posición como referente pesqueiro en Galicia e no Atlántico, avanzando cara a un sector máis preparado para afrontar os retos económicos, ambientais e comerciais dos próximos anos.

