Celeiro de Mariñaos celebrará a Romaría de San Caetano cunha nova edición da Festa da Tortilla

Celeiro de Mariñaos volverá converterse nun punto de encontro para a veciñanza e os visitantes coa celebración da Romaría de San Caetano e da XXIX Festa da Tortilla, unha cita xa consolidada no calendario festivo de Barreiros que reunirá durante dúas fins de semana propostas culturais, gastronómicas e de lecer para todos os públicos.
As actividades arrancarán o domingo 9 de agosto co pregón inaugural, que terá lugar ás 19.00 horas na capela e correrá a cargo de Francisco Javier Fraga Fernández, dando comezo oficialmente a unha programación que terá o seu momento central os días 15 e 16.
O sábado 15 de agosto estará marcado polo tradicional concurso de tortillas. As elaboracións poderán entregarse entre as 11.30 e as 13.30 horas no campo da festa, onde todas as persoas participantes recibirán un agasallo no momento da inscrición. As bases establecen que cada tortilla deberá incluír obrigatoriamente ovo e pataca, optando aos premios á máis grande, á de mellor sabor, á mellor presentación e á proposta máis innovadora.
A xornada continuará coa misa e procesión na honra de San Caetano, acompañadas musicalmente por Adilson Tavares. A continuación celebrarase a sesión vermú coa Agrupación Folclórica O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante, e coa Charanga Sorcha, de Ourense, ademais da tradicional degustación das tortillas presentadas ao certame.
Pola tarde haberá espazo para o público familiar coa actuación de Pulpiño Viascón e o espectáculo O Sombreiro Máxico, seguida de xogos tradicionais. Xa pola noite, a verbena estará amenizada polo grupo Toxo Guayaba, que ofrecerá un repertorio de música cubana con influencia galega. A programación completarase coa entrega dos premios do concurso, o tradicional Baile do Farolillo e unha chocolatada popular.
A festa continuará o domingo 16 de agosto cunha sesión vermú protagonizada pola Charanga Bamboleo, de Rábade, durante a que tamén se servirá xamón cocido e caldo. Pola tarde celebrarase o concurso Máster Tortilla, no que competirán seis parellas elaborando as súas receitas no propio recinto festivo cos ingredientes e materiais facilitados pola organización. O certame premiará tanto a mellor tortilla como a elaboración realizada no menor tempo posible.
A entrega dos galardóns do Máster Tortilla porá o broche final a unha celebración organizada pola Irmandade San Caetano, que un ano máis aposta por manter vivas as tradicións, promover a participación veciñal e converter a tortilla nun dos grandes símbolos gastronómicos destas festas.