Celébrase unha xornada para persoal técnico de confrarías con plans de xestión do percebe
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visita a xornada celebrada na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores no marco do proxecto Ecosistémica24 que botou a andar recentemente e que está dirixido a persoal técnico das confrarías localizadas desde Fisterra ata a Mariña lucense con plans de xestión de percebe. Alí situou como modelo esta iniciativa que está a levarse a cabo polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, coa colaboración da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e financiada por Redemar, a rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos galegos creada pola Xunta no 2022.
O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, resaltou o apoio do Goberno galego ao desenvolvemento de traballos científicos e de investigación que resultan fundamentais para o futuro da actividade pesqueira e marisqueira. Nesta sentido, resaltou que unha das principais liñas de actuación deste proxecto aborda a transferencia de metodoloxías e ferramentas ao persoal técnico das confrarías e da administración, un aspecto esencial para que o coñecemento adquirido teña impacto real no sector.
O proxecto contempla outras liñas de traballo que abarcan a bioloxía pesqueira -para avaliar aspectos como as abundancias, a dinámica de poboacións e ecoloxía das especies do marisqueo-, as patoloxías mediante o seguimento do estado de saúde das poboacións e a bioloxía reprodutiva, estudando os ciclos reprodutores, tamaño de primeira maduración e estimación da fecundidade. Tamén trata as fontes de información coa finalidade de harmonizar e manter as bases de datos, o estudo das especies acompañantes co obxectivo de facilitar o seu seguimento así como da biodiversidade en substratos duros e as características da costa.
Os participantes, que puideron participar de xeito presencial e telemático na xornada, abordaron o deseño dos programas de toma e procesado de mostras para a avaliación das poboación de percebe, a súa cobertura, estrutura de tamaños, estado reprodutor e índice de recrutamento. Ademais, estudaron un novo procedemento desenvolvido no CIMA para a valoración da diversidade no substrato rochoso intermareal. A aplicación deste procedemento será de gran utilidade para valorar a saúde do ecosistema neste tipo de áreas e para obter un valor de base da diversidade e a saúde do litoral rochoso ao longo da costa galega.