Celébrase unha concentración no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz ante a falta de mestres

AMariñaXa
A ANPA denuncia o incumprimento dos acordos sobre agrupamentos e a supresión dunha praza clave, esixindo respostas á Xunta de Galicia
Imaxe concentración ensino público en Alfoz
16 sep 2024

A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz, liderada pola ANPA e acompañada por familias, alumnos, docentes e representantes políticos, levou a cabo esta mañá unha concentración ás portas do centro en protesta pola falta de profesorado neste inicio de curso escolar 2024/2025. A protesta realizouse coincidindo coa entrada do alumnado, onde se expuxeron as demandas do colectivo e se gardou un minuto de silencio, simbolizando "a morte dos colexios rurais", segundo a ANPA, debido á falta de compromiso da Xunta de Galicia con estes centros.

As reivindicacións das familias céntranse na esixencia de que se cumpran os acordos sobre agrupamentos para o curso 2024/2025 e na reposición da praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica, recentemente suprimida no centro de Alfoz. Desde a ANPA declararon: "Reclamamos que a Xunta cumpra a Resolución do 10 de xaneiro de 2024", publicada no DOG do 17 de xaneiro, e que os sindicatos asinantes velen polo seu cumprimento.

A resolución establece que, nas aulas con alumnado de diferentes niveis, ciclos ou etapas, deberán aplicarse as ratios do Acordo de agrupamentos do 10 de xullo de 2009. Segundo este acordo, é posible agrupar o alumnado de primaria de distintos ciclos sempre que o número total non supere os 12 estudantes. Non obstante, a ANPA denuncia que nun dos agrupamentos hai 15 alumnos, superando o límite permitido. Ademais, subliñan que, no outro agrupamento, aínda que hai 12 estudantes, debería considerarse se algún require apoio educativo específico, o que modificaría a ratio. A situación agrávase coa eliminación da especialista en Pedagoxía Terapéutica, unha figura fundamental no centro.

A ANPA tamén manifestou o seu desacordo coas declaracións da Xunta aos medios, nas que se afirmou que o acordo se implementaría de forma progresiva, acusando á administración de non respectar o establecido no DOG. Recordaron que a resolución estipula, no seu punto 2.1.1., que para o curso 2024/2025 se aplicará unha ratio máxima de 20 alumnos/as en 4º de educación infantil nos centros sen agrupamentos. En canto aos centros con agrupamentos, no punto 2.7 indícase claramente que se aplicarán as ratios do Acordo de 2009, que non se está a cumprir.

Tras esta concentración, a ANPA do CEIP Castro de Ouro continúa á espera dunha resposta oficial por parte da Xefatura Territorial. "Como representantes das familias, somos un interlocutor necesario coa administración, pero aínda non se puxeron en contacto con nós", indicaron, sinalando que a única información que teñen provén da dirección do centro. A ANPA non descarta organizar novas accións de protesta para defender o colexio e anunciou que o vindeiro venres 20 se celebrará unha asemblea xeral coas familias para decidir os próximos pasos a seguir.

0.18699193000793