CC. OO. denuncia en Lugo o deterioro do servizo postal e os recortes de persoal en Correos

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O sindicato trasladou á subdelegada do Goberno, Olimpia López Rodríguez, a falta de efectivos en distintos puntos da provincia e as dificultades para garantir o reparto, especialmente nas zonas rurais
cartero-correos
18 Nov 2026

CC. OO., sindicato maioritario en Correos, reuniuse este mércores coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, para denunciar o deterioro do servizo postal público na provincia, os recortes de persoal e o incumprimento dos compromisos laborais adquiridos pola empresa. O encontro enmárcase nunha campaña institucional coordinada en todo o territorio estatal coa que a organización pretende reclamar medidas urxentes para garantir a calidade do servizo, protexer o emprego e asegurar o futuro de Correos como empresa pública estratéxica.

O sindicato considera que a actual dirección de Correos, presidida por Pedro Saura, continúa xustificando as súas decisións na situación económica herdada dos cinco anos de xestión do anterior presidente, Juan Manuel Serrano, nomeado e mantido polo Goberno durante ese período. Porén, CC. OO. denuncia que, lonxe de avanzar na recuperación da compañía e cumprir os compromisos adquiridos, a dirección segue impulsando recortes de persoal e reestruturacións organizativas sen unha negociación real, o que, ao seu xuízo, debilita a rede postal e empeora as condicións laborais.

En Lugo, a falta xeneralizada de persoal en toda a provincia, especialmente nas unidades de reparto UR1 e UR2 da capital, así como en Monforte de Lemos, Quiroga, Foz, Viveiro, Mondoñedo e Ferreira, entre outras localidades, está a provocar dificultades para garantir o reparto, atrasos na entrega dos envíos, sobrecarga de traballo e unha menor capacidade de atención presencial.

CC. OO. advirte de que estas deficiencias afectan especialmente as zonas rurais e as persoas que máis precisan contar con servizos públicos accesibles e próximos. O sindicato lembra que Correos non é unha empresa calquera, senón un servizo público esencial e unha infraestrutura estratéxica para o país, cuxa presenza territorial contribúe á cohesión, á igualdade de oportunidades e ao acceso aos servizos básicos.

A organización sindical tamén denuncia o incumprimento dos acordos asinados con máis do 85 % das organizacións sindicais, entre eles o Acordo Marco Laboral do 31 de decembro de 2024. Entre os compromisos pendentes figuran o plan de prexubilacións, solicitado por 7.000 persoas, a implantación da xornada de 35 horas, novas convocatorias de emprego e a apertura de bolsas de contratación actualmente esgotadas.

Tamén reclama reducir a temporalidade, eliminar as situacións de fraude de lei na contratación, converter os contratos a tempo parcial en contratos completos, impulsar as saídas voluntarias e as prexubilacións, mellorar a promoción profesional dos postos base e regularizar a situación dos mandos intermedios, que na súa maioría son provisionais.

CC. OO. considera que este incumprimento reiterado está a erosionar a confianza e conduce o conflito cara a un escenario de mobilizacións que considera inevitable e inminente. Por iso, solicitou á Subdelegación do Goberno que traslade formalmente as denuncias e reivindicacións ao Executivo central e aos ministerios competentes, así como que impulse a intervención das institucións responsables, incluída a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), accionista único de Correos.

O sindicato tamén pediu unha resposta expresa e a adopción de medidas concretas para desbloquear os compromisos pendentes. CC. OO. reitera así a súa defensa dunha empresa postal pública forte, cun cadro de persoal suficiente, emprego digno, condicións laborais garantidas e capacidade para ofrecer un servizo de calidade en todo o territorio.

0.21890783309937