CB Viveiro: “Somos os únicos da Mariña con equipo sénior en 1ª Galega”
O CB Viveiro Basket mantén o espírito do baloncesto entre os seus xogadores.
Por Ana Somoza López.
Como e por que naceu o club?
Nace como continuación do antigo CB Viveiro. Un grupo de antigos xogadores e adestradores empezaron cun pequeno grupo de xogadores ata chegar ao que somos na actualidade.
Quen se atopa na directiva?
O presidente, dende a refundación, é Juan Carlos Fernández Parra.
Como afrontan esta tempada?
Coma todas, con moita ilusión de seguir promocionando o baloncesto na zona de Viveiro e de competir en todas as categorías das ligas FEGABA. Dando formación deportiva e humana a todos os xogadores.
Con cantos membros ou xogadores contan?
Temos preto de 150 xogadores en todas as categorías, dende os baby basket a sénior. Pero nunca tivemos sénior feminina.
Como son os adestramentos?
Normalmente temos adestramentos tres veces por semana e cunha duración dunha hora e media ou dúas horas como máximo.
Cales son os requisitos para formar parte?
Ter ganas de facer deporte e pasalo ben, isto é o requisito primordial.
Que novidades hai esta tempada?
Pois nesta tempada contamos con júnior feminino. isto é moi relevante para nos por que é unha categoría que aparece e desaparece pois as cativas cando chegan ao bacharelato adoitan centrarse máis nos estudos e deixan un pouco máis de lado o deporte, por iso depende da tempada. Pero esperamos que este equipo dure pois por detrás delas veñen outras pequenas que sustentarán esta categoría.
Este ano están na 1ª División Galega masculina?
Si, esta tempada somos o único club na Mariña con equipo en sénior de 1ª División Galega, o Viveiro Asesores Club Baloncesto Viveiro. E na provincia atópase tamén o Ensino, que fixo un equipo de nova creación para esta categoría. Enfrontarémonos con equipos como o USC Obradoiro, o CB Cambre, o Costa Ártabra ou o Santo Domingo de Betanzos.
Contan con instalacións suficientes para adestrar e competir?
Non nos podemos queixar das instalacións en relación a outras zonas da comarca, pero a verdade é que sempre son poucas, sobre todo cando temos que organizar 12 equipos con tres adestramentos semanais e ademais todos os seus partidos.
Teñen algunha necesidade?
As necesidades son a nivel humano, é dicir, quizás máis adestradores. E logo o que ben sendo de material, pois máis pelotas, canastras, ou diferentes materiais de adestramento.
Que proxectos teñen de cara ao futuro?
De cara ao futuro temos na mente a mellora do funcionamento interno e a mellora do nivel de formación dos nosos adestradores. Pero o que nos gustaría e seguir progresando na calidade xeral do club.
Como veremos ao club dentro dalgúns anos?
Esperamos que nos sigamos mantendo e afianzado tanto deportiva como humanamente. Os resultados virán pouco a pouco.
Que o que máis lles gusta deste deporte?
O que máis nos gusta é que é unha combinación de todos os aspectos posibles a nivel de deportes. Conta con precisión, forza, velocidade, sincronización, xogo en equipo, cun alto nivel de esixencia mental, táctica individual e colectiva. Non hai deporte ou actividade máis completa a nivel físico e mental que o baloncesto.
Algún consello para aqueles que queiran comezar no mundo do baloncesto?
Aos cativos hai que dicirlles que veñan probar porque non se arrepentirán. Os que comecen no baloncesto van entrar nun deporte apaixoante en todos os aspectos.
Organizan algún evento?
Durante todo o ano organizamos varios eventos. Por exemplo temos o Desafío intercentros, que é un partido de baloncesto entre os dous IES de Viveiro; o Diverbasket, que son partidos de baloncesto na rúa para os máis pequenos e o 3x3 Urban Basket, que xa é unha referencia a nivel Galicia en torneos de este tipo de verán e ao aire libre.