CB Celtas de Foz: Unha nova directiva para un club con historia e futuro

Por Ana Somoza
O pasado 17 de xullo marcou un antes e un despois na historia do Club Baloncesto Celtas de Foz. Na asemblea anual de socios, formalizouse a dimisión da anterior directiva, encabezada por Carlos Moreda, e constituíuse unha nova xunta liderada por Carmen Alonso Pérez, de 27 anos, que se converteu na primeira muller en presidir a entidade dende a súa fundación hai máis de corenta anos.
“Foi un orgullo inmenso asumir esta responsabilidade, máis aínda sendo do pobo e tendo estado ligada aos Celtas dende pequena. Fun unha das impulsoras do equipo sénior feminino e espero que este paso anime a máis mulleres a liderar no deporte”, afirma Carmen Alonso, quen ademais segue exercendo como capitá do equipo sénior feminino.
Esta renovación chega cunha directiva comprometida e profundamente ligada ao club. “A maioría de nós fomos ou somos xogadores, e sentímonos moi vencellados aos Celtas. Algúns xa estabamos na anterior directiva, pero con menos implicación activa. Agora decidimos dar un paso adiante polo sentimento e o coidado cara ao club”, explica a presidenta.

Continuación e futuro compartido
Cristina Paz López, vicepresidenta, e Ángel Cao Rego, tesoureiro e xogador do equipo sénior masculino, acompañan a Alonso nesta etapa. “Queremos manter a esencia do club, pero cun funcionamento máis organizado e equitativo. Non pode recaer todo o peso nunha súa persoa”, apunta Cao, quen segue unha tradición familiar no club, pois seu pai xa fora presidente e adestrador.
A directiva complétase con Darío Romero e Emilio Fraga, “Tobaneko”, membros da anterior xunta, e Carlos Méndez, “Madar”, quen agora asume a coordinación da base. Esta continuidade facilita unha transición sen sobresaltos. “A anterior directiva levaba seis anos e propuxo esta mudanza como unha continuidade. Valoramos moi positivamente o legado que deixan. Grazas á súa xestión, conseguimos unha conexión co pobo que poucas veces se viu: o pavillón está cheo cada fin de semana, a xente responde aos eventos”, lembra Alonso.
Obxectivos deportivos e organizativos
Un dos primeiros retos da nova directiva foi cubrir a baixa dos adestradores dos equipos sénior. “Foi o noso primeiro obxectivo: atopar substitucións axeitadas e lograr que o club e os novos adestradores se adapten mutuamente. A curto prazo, esa adaptación é clave. A medio prazo, conseguir todo o que se poida conseguir”, explican.
Organizativamente, buscan unha estrutura máis repartida. “Haberá responsables da base, dos sénior, da contabilidade, redes sociais, socios e patrocinadores. E temos un grupo de colaboradoras e colaboradores para tarefas do día a día, como a venda de rifas, o bar ou eventos”.
Unha base que garante o futuro
O traballo coa base é un dos piares fundamentais. “Temos unha base moi potente. A formación de BabyBasket fai dous anos foi clave. Xa temos máis de vinte nenos e nenas nesa categoría. A coordinación buscará seguir medrando e acadando éxitos como os das nosas benxamíns este ano”, apunta Carlos Méndez.
O club tece alianzas con outros clubes da comarca. “Temos convenios co CB Burela, para compartir xogadores en certas idades. Tamén facemos amistosos co CB Ría de Ribadeo no BabyBasket. Ademais, a colaboración co Concello é constante, tanto en temas deportivos como na mellora das instalacións”.

O referente do baloncesto feminino na Mariña
O CB Celtas mantén o único equipo sénior feminino da Mariña Lucense. “Levamos seis anos co equipo. Estamos encantadas non só polos logros, senón polo grupo humano e polo futuro que ofrece a todas esas nenas da comarca. Temos xogadoras de Burela, Cervo, Viveiro, Lourenzá, Ribadeo e Foz”, comenta Alonso.
Sobre o apoio ao deporte feminino, amóstranse satisfeitas. “Na Mariña temos referentes como as do Fútbol Sala de Burela ou o Barreiros en fútbol. Evidentemente sempre queremos máis apoio, pero no noso club a igualdade entre feminino e masculino é total. Xogamos en igualdade de condicións”.
A identidade que permanece
“O CB Celtas é historia e tradición. Non entendemos Foz sen os Celtas. Non precisamos proxectos sociais paralelos porque o pobo sempre responde. Marzán enchese, os eventos son un éxito”, di Alonso.
A identidade é unha prioridade. “A esencia do club segue viva cando quen lidera sente os Celtas como sós. As fotos de hai trinta anos e as actuais en Marzán son iguais: a mesma xente, xogando ou animando, con algunha cana máis. Manter esa identidade é o noso compromiso”.
En canto ao futuro, Alonso é realista: “Soños hai moitos, pero xogar en ligas superiores é difícil economicamente. O noso obxectivo é deixar o club o máis arriba posible, tanto deportiva como socialmente”.
Liderado dende dentro do xogo
A presidenta compaxina o cargo co papel de xogadora. “Cando formas parte da directiva, valoras moito máis todo o que hai arredor dun partido. Ves que tes equipamento porque alguén xestionou o pedido, que hai auga porque alguén a mercou, que vas en bus porque alguén o contratou. Todo iso faiche xogar con máis respecto e compromiso”.
Sobre o inicio do mandato, recoñece que hai moito que aprender. “Levamos unha semana e xa estamos co Zorza Celtas do sábado 26. Hai moito traballo que non se ve: papeleo, xestións... Pedimos desculpas se algo se nos escapa nos primeiros días”.
A mensaxe para a familia celtista é clara: “Grazas. A todas as persoas que estiveron e que estades. Agardamos que sigades aí. Todo o que queira vir, será benvido. Prometemos dalo todo para que este club siga medrando. Sempre: LUME LUME LUME!”