Case medio cento de escolares de Barreiros participan no proxecto "Vivir o Mar"

AMariñaXa
Os obradoiros achegaron o alumnado á gastronomía local e á práctica deportiva, mentres que a iniciativa inclúe un concurso escolar e novas actividades previstas para 2027
BARREIROS-premios-certame-escolar-vivir-mar-1
17 Nov 2026

Preto de medio cento de nenos e nenas dos centros educativos de Barreiros participaron nas actividades do proxecto "Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros", unha iniciativa que busca fomentar hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade a través de propostas educativas nos colexios do municipio.

Os obradoiros desenvolvidos nos centros de San Cosme e San Miguel de Reinante combinaron aprendizaxes sobre alimentación equilibrada, exercicio físico e coñecemento do litoral como espazo vinculado ao benestar e á sustentabilidade. As sesións contaron coa colaboración de persoas do municipio e da contorna, que compartiron co alumnado as súas experiencias profesionais e persoais.

Un dos participantes foi o cociñeiro Javier Montero, integrante do Colectivo Gastronómico da Mariña, que se encargou de inaugurar as actividades cunha demostración culinaria. Durante o obradoiro ensinou aos escolares a preparar pescada de Celeiro en papillote, achegándoos así ao produto pesqueiro da zona e ás posibilidades dunha alimentación saudable.

Tamén participou Candela Martínez Bobo, ximnasta sénior do club coruñés María Barbeito e subcampioa de España o pasado ano. A deportista compartiu a súa traxectoria co alumnado de primeiro e segundo de Primaria, co propósito de animar os máis pequenos a incorporar a actividade física á súa rutina e adquirir hábitos beneficiosos para a saúde.

O programa incluíu tamén durante novembro a primeira edición dun concurso escolar sobre hábitos de vida saudable. A convocatoria estaba dirixida ao alumnado dos centros educativos e pretendía estimular a reflexión arredor da alimentación equilibrada, o deporte e a relevancia do sector pesqueiro local.

O certame recibiu un total de 27 propostas, que foron avaliadas e difundidas para implicar a comunidade educativa e sensibilizar tamén as familias. O xurado concedeu catro premios nas distintas categorías, ademais dun recoñecemento colectivo para cada unha das aulas que presentaron un traballo conxunto. A organización prevé celebrar unha segunda edición o vindeiro ano, despois de desenvolver novos obradoiros nos colexios.

Entre as actividades previstas para 2027 figura a participación do proxecto na Carreira das Praias, en colaboración coa organización da proba. Para facilitar a presenza dos máis novos, deseñarase un percorrido adaptado á infancia e á mocidade, acompañado de sesións preparatorias nos centros educativos. A proposta pretende estender a práctica deportiva ao litoral e reforzar a relación das novas xeracións co medio mariño e coa identidade costeira de Barreiros.

O proxecto "Vivir o Mar" conta cun orzamento de 35.446,95 euros, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia. As actuacións enmárcanse nas axudas destinadas a iniciativas das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galegos, correspondentes ao período FEMPA 2021-2027.

0.15303707122803