Case 17 millóns de euros: a factura da auga que ameaza con chegar aos concellos de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O PP calcula que a CHMS pretende cobrar esta cantidade durante 25 anos por obras hidráulicas executadas baixo convenios anteriores a maio de 2023
auga xenerica
5 Sep 2026

Os concellos da provincia de Lugo poderían afrontar un impacto económico próximo aos 17 millóns de euros pola aplicación da Tarifa de Utilización da Auga (TUA) da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). A cifra é a estimación realizada polo Partido Popular despois de analizar os convenios asinados con diferentes municipios antes de maio de 2023.

Segundo denuncia a formación popular, a Confederación estaría reclamando agora pagamentos por obras de abastecemento, saneamento e depuración que xa foran executadas ao abeiro daqueles acordos. O PP sostén que os convenios orixinais non contemplaban estes cobros periódicos e que as liquidacións poderían prolongarse durante os próximos 25 anos.

A formación reclama que non se aplique a tarifa con carácter retroactivo e anunciou que levará o asunto ao Congreso e ao Senado para pedir explicacións sobre os criterios técnicos e xurídicos utilizados para aplicar estes cobros.

Os populares aseguran que os municipios afectados xa asumiran no seu momento a parte económica correspondente ás actuacións e consideran que introducir agora unha nova taxa supón modificar as condicións acordadas inicialmente.

A estimación de 17 millóns de euros corresponde exclusivamente aos concellos da provincia que están dentro da demarcación do Miño-Sil. A esta cantidade habería que engadir, segundo o PP, os importes que poida reclamar a Confederación Hidrográfica do Cantábrico polos municipios do norte da provincia baixo a súa xurisdición.

Entre os concellos afectados xa hai casos nos que se comunicaron reclamacións económicas vinculadas a obras hidráulicas realizadas anos atrás. A polémica céntrase agora en determinar se estas tarifas poden aplicarse a convenios asinados antes do cambio normativo de maio de 2023.

Cristina Abades, deputada no Congreso, e José Manuel Balseiro, senador, reclaman ao Goberno central que paralice as liquidacións e revise a aplicación da tarifa aos acordos antigos.

O PP considera que estas cantidades poden supoñer unha importante carga para as economías municipais, ao obrigar aos concellos a reservar recursos durante décadas para facer fronte a unhas facturas que, segundo a súa versión, non estaban previstas cando se executaron as obras.

0.1463508605957