Carmela López participará en Cabo Verde nun encontro internacional de mulleres electas

A alcaldesa de Burela, Carmela López, participará a próxima semana na cidade de Praia, en Cabo Verde, no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, un foro que reunirá os días 12 e 13 de marzo a máis de 130 alcaldesas e concelleiras procedentes de Cabo Verde, Mozambique e Galicia.
Este encontro internacional, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, converterase nun espazo de diálogo e intercambio de experiencias arredor do papel das mulleres na política local. Baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, a iniciativa busca promover a participación igualitaria nas institucións e reforzar o enfoque de xénero nas políticas públicas municipais.
No marco das xornadas, Carmela López participará como relatora nunha mesa internacional dedicada ás boas prácticas municipais con perspectiva de xénero, na que se presentarán experiencias desenvolvidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia. Durante a súa intervención, a rexedora compartirá iniciativas e políticas impulsadas desde o ámbito local para avanzar na igualdade, así como a súa experiencia no municipalismo e na xestión institucional.
López sinalou que formar parte dun encontro deste nivel internacional supón “unha enorme responsabilidade e tamén unha grande satisfacción”, ao permitir o intercambio de ideas con representantes de diferentes países. A alcaldesa destacou tamén o valor deste tipo de foros para reflexionar de maneira conxunta sobre os retos que afronta o liderado feminino na política.
Segundo explicou, as administracións locais desempeñan un papel clave na transformación social. “Os concellos son a primeira porta á que chama a cidadanía cando precisa resposta ás súas necesidades. Desde o ámbito municipal podemos impulsar políticas públicas que melloren a vida das persoas e que contribúan a garantir unha igualdade real entre mulleres e homes”, afirmou.
Ademais das responsables municipais dos tres países participantes, o encontro contará coa presenza de representantes institucionais e persoas expertas de distintos organismos, entre eles Nacións Unidas, o Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou a Universidade de Santiago de Compostela. No marco das xornadas tamén se presentará a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas e elaborarase unha declaración final conxunta por parte das electas presentes.
A alcaldesa de Burela aproveitará tamén a súa intervención para destacar os fortes vínculos que existen entre a provincia de Lugo e Cabo Verde, especialmente no caso da propia vila mariñeira. Segundo explicou, a comunidade caboverdiana forma parte da historia recente de Burela e contribúe de maneira decisiva á vida social, económica e cultural do municipio.
“Entre Burela e Cabo Verde existe unha relación humana e social moi profunda que se foi construíndo ao longo das últimas décadas. A comunidade caboverdiana é unha parte esencial da nosa vila e un exemplo de convivencia, diversidade e integración”, destacou López, quen considera que esta realidade demostra como os territorios poden crear pontes de cooperación e entendemento.
A viaxe institucional incluirá ademais unha axenda paralela de encontros e visitas en Cabo Verde co obxectivo de reforzar as relacións entre este país e a provincia de Lugo. Durante a súa estadía na capital caboverdiana, a alcaldesa manterá unha reunión na Embaixada de España e encontros con responsables municipais e representantes da comunidade local.
Así mesmo, está previsto que realice visitas institucionais ás localidades de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, onde coñecerá de primeira man a realidade social e institucional do territorio e explorará posibles vías de colaboración futura.
Segundo destacou a propia López, estas reunións permitirán seguir fortalecendo os vínculos históricos e sociais entre ambos territorios e abrir novas oportunidades de cooperación que contribúan a reforzar as relacións sociais, económicas e empresariais entre Cabo Verde e a provincia de Lugo.