Carmela López destaca o “motor turístico e económico” da Romaxe Viquinga do Vicedo

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este venres no inicio da IX Romaxe Viquinga do Vicedo, a cita que se celebra hoxe e mañá neste municipio mariñán e que conta cunha colaboración por parte da institución provincial -para este evento e outras propostas turísticas- de 19.000€ a través do Plan Deputación. A mandataria asistiu ao pregón inaugural, que tivo lugar na Casa da Cultura, a cargo de Valentín García Gómez.
Carmela López recordou que esta “é unha das celebracións que mellor representan a capacidade dos nosos concellos para poñer en valor o patrimonio e fortalecer a súa identidade. Ao longo de nove edicións O Vicedo conseguiu que esta festa medrara sen perder a súa esencia”. Avanzou tamén que é unha celebración “profundamente vencellada á súa historia e á súa xente, pero tamén é un motor turístico e económico para a Mariña e para todo o conxunto da provincia”.
“Na Deputación de Lugo entendemos que apoiar iniciativas coma esta é apostar por un modelo de desenvolvemento que nace do territorio. Cando un concello impulsa proxectos con personalidade propia, está xerando actividade económica, fortalecendo o tecido social e creando oportunidades” sinalou a mandataria quen tamén felicitou “ao Concello, ás asociacións, ás persoas voluntarias e a toda a veciñanza que fan posible esta Romaxe”, rematou.
Tras o pregón inaugural tivo lugar un pasacalles e diferentes exhibicións amenizadas pola Banda de Gaitas ACM Dambara de Burela. A programación continuará o sábado coa apertura do campamento viquingo e cristián e o tradicional desembarco viquingo na Praia de San Román, un dos actos máis representativos desta celebración. Ademais, tamén haberá xogos tradicionais, actuacións musicais e numerosas propostas pensadas para todos os públicos que conseguirán atraer a milleiros de visitantes ata O Vicedo.