Carmela López, actual concelleira de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela, será a candidata socialista á Alcaldía

AMariñaXa
Carmela López , actual concelleira de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela, foi elixida como candidata do PSOE á Alcaldía do Concello
Burela Carmela Lopez PSOE
Burela Carmela Lopez PSOE
1 feb 2023

Carmela López Moreno, actual concelleira de Servizos Sociais e Mar do Concello de Burela, foi elixida como candidata do PSOE á Alcaldía do Concello mariñano no seo dunha reunión coa militancia que se celebrou onte na vila e que contou cunha alta participación.

Dado que a Executiva do Partido Socialista en Burela non está constituída, corresponde á dirección provincial realizar a proposta da candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Por iso, convocou unha reunión cos militantes socialistas da localidade, celebrada na tarde noite do martes na sede burelesa do partido, coa presenza do Secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, xunto á Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto.

No encontro, ao que asistiron un importante número de afiliados e afiliadas, fíxose unha valoración e un análise do traballo realizado no últimos anos polos socialistas, así como dos pasos a dar para fortalecer e dinamizar a agrupación local e para seguir impulsando o futuro do municipio.

Así, acordouse que a mellor opción para liderar o proxecto do PSOE en Burela e, polo tanto, para encabezar a candidatura é Carmela López Moreno, “que xa vén desempeñando dende hai tempo un gran traballo como Concelleira”, subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.

José Tomé recalcou que Carmela López “é a primeira muller candidata do Partido Socialista ás eleccións municipais de Burela e estou convencido de que será a primeira muller alcaldesa pola súa preparación, capacidade de traballo, pola súa experiencia tanto nestes anos como Concelleira como pola súa traxectoria anterior, polo contacto e diálogo que mantén cos seus veciños, polo perfecto coñecemento que ten do seu concello, das necesidades e das oportunidades de Burela, e polo seu compromiso e ilusión”.

Carmela López presentará nas vindeiras datas a súa candidatura aos veciños e veciñas de Burela nun acto ó que acudirá o Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia, José Tomé Roca.