Carlota, raíña do Entroido de Foz: “Deste ano 2024 espéranse moitas emocións e sobre todo moita festa”

Foz
AMariñaXa
Entroido. Falamos con Uxía Valmayor Forés, Raiña do Entroido de Foz 2023, que falal sobre os seus sentimentos
carlota fernandez Raiña entroido 2024 foz 1
6 Feb 2024

Por Ana Somoza López.

Carlota Fernández del Riego foi coroada como Raíña do Entroido de Foz.

Foi elixida a Raíña Entroido de Foz 2024. Como se sente?

Pois síntome unha verdadeira privilexiada por poder representar o Entroido do meu pobo no que levo participando tantos anos e ao que tanto cariño lle teño.

É unha honra?

Está claro que é unha honra xa que non calquera ten a sorte de vivir esta experiencia única e de gozala dende este punto de vista.

Ademais é a primeira Raíña sendo Festa de Interese Turístico.

Teño moita sorte de dicir que son a primeira raíña dende que o Entroido de Foz é de Interese Turístico, e preparareime con todas as ganas do mundo, coa compañía das miñas incribles damas, da miña familia e amigos, e sobre todo coas miñas queridas Trouleiras.

Pode desvelarnos algo do disfrace?

Por agora queremos seguir mantendo en segredo o noso disfrace co fin de manter a intriga e que a xente teña máis ganas de velo en directo o gran día.

O Noso Foz é o colectivo organizador, como se sente ao formar parte del?

É un pracer poder formar parte de O Noso Foz e vivir dende primeiro plano todo o que implica este entroido. Ademais, dende fóra pode parecer que só hai que facer dúas cousas de nada pero en realidade as horas que se dedican non teñen fin.

Que caracteriza esta festa?

O Entroido de Foz caracterízase pola xente, penso que poderíamos describilo como unha unión. Xa que durante eses días todos nos axudamos ben sexa co traxe, cos tocados... Os membros das familias aínda sendo de diferentes comparsas ou grupos, bótanse unha man co fin de que todo estea listo para o gran día e poidamos pasalo da mellor das maneiras.

Algunha lembranza especial de todos estes anos de festa?

Penso que cada ano ten algo especial e poder vivilo xa é un auténtico privilexio, de feito o ano que a pandemia provocou que o Entroido se tivera que suspender fixo que todos nos désemos aínda máis de conta do que nos gusta vivilo.

Que se espera deste ano 2024?

Deste ano 2024 espéranse moitas emocións, moita festa e sobre todo seguir mostrando a todo o mundo que vén, que o Entroido de Foz ten algo especial e que cando o probas quedas coas ganas de volver cada ano a gozalo aínda máis.

Por que se di que o Entroido de Foz é o mellor?

Dise que é o mellor Entroido do mundo, porque o sentimento que se ten por el é indescritible. Son unhas datas moi sinaladas para calquera focense que vive esta festa e as ansias e a emoción que se ten porque cheguen todos os días de troula son constantes.

0.16855406761169