Capaces abre unha delegación en Foz para levar á Mariña o seu programa de lecer adaptado

Foz
LugoXa | AMariñaXa
Eva Fernández e Eva Rubiños estarán á fronte da delegación, que nace para evitar que as familias teñan que desprazarse ata Lugo para acceder a este recurso
capaces-Lugo-en-Foz-chega-a-mariña-2026
1 Oct 2026

A asociación Capaces dará o salto á Mariña coa apertura dunha delegación en Foz, unha iniciativa que nace a partir da demanda de familias da comarca que buscan contar con alternativas de lecer adaptado para os seus fillos e fillas sen ter que desprazarse ata Lugo.

A proposta xurdiu despois de que Eva Fernández e Eva Rubiños, dúas nais da Mariña, contactasen coa asociación para trasladarlle a situación que viven numerosas familias da comarca. Segundo explicaron, actualmente hai familias que deben facer quilómetros cada sábado para que os seus fillos e fillas poidan participar nun espazo de lecer adaptado ou, pola contra, renunciar a este tipo de actividade.

As dúas nais presentaron esta necesidade a Capaces e onte desprazáronse xunto coa asociación ao Concello de Foz para dar a coñecer o proxecto "Sábados para crecer", unha iniciativa que a entidade xa desenvolve en Lugo e que agora pretende trasladar á costa.

O encontro co Concello de Foz rematou co anuncio da creación da nova delegación da asociación na localidade. Eva Fernández e Eva Rubiños serán as responsables de poñer en marcha e levar esta delegación, coa intención de achegar o recurso ás familias da Mariña.

Durante a reunión, o alcalde de Foz recoñeceu a necesidade existente na comarca e comprometeuse a colaborar con Capaces para favorecer a implantación do proxecto e procurar que teña continuidade.

Desde a asociación destacan que "Sábados para crecer" non supón unicamente unha alternativa de lecer para os nenos e nenas, senón tamén un recurso que pode facilitar a conciliación das familias, ao ofrecer un espazo adaptado para os menores.

Capaces agradeceu ás dúas nais da Mariña que deran o primeiro paso para impulsar a iniciativa, así como ao Concello de Foz pola súa disposición a colaborar. A asociación anima ás familias da comarca interesadas en coñecer o proxecto a contactar con ela a través do correo capaceslugo@gmail.com.

0.55361104011536